Sacro Imperio Romano-Xermánico

Sacro Imperio Romano-Xermánico

ou Primeiro Reich Denominación cuñada no s XV para designar o imperio fundado por Odón I en 962 sendo coroado polo Papa Xoán XII. Continuador do Imperio Romano de Occidente e do Imperio Carolinxio, comprendía, nun principio, o Reino de Xermania, o Reino de Italia e os anexos de ambos os dous: Lorena, as marcas orientais e o patrimonio de San Pedro. Ampliouse en 1032 coa incorporación do Reino de Borgoña, que incluía Provenza, e desde mediados do s XIII perdeu gradualmente os territorios meridionais. Xurdido nunha etapa de febleza do papado, foi tutelado ata a segunda metade do s XI, cando os pontífices Nicolao II (1059-1061) e Gregorio VII (1073 -1085) deron os primeiros pasos cara á independencia da Igrexa. A loita entre o imperio e o papado polo dominium mundi tivo a súa primeira manifestación na Querela das Investiduras (1073-1122), coa que se iniciou a longa decadencia do Imperio. As derrotas de Enrique IV, de Enrique V e dos seus sucesores foron aproveitadas polos grandes señores feudais alemáns, e tamén polas cidades do norte e do centro de Italia, organizadas en municipios ou comunas e temporalmente agrupadas, como na Liga Lombarda. Con todo, no s XIV continuaron en Italia as loitas entre os partidarios do papa (güelfos) e os do emperador (xibelinos). A Reforma dividiu Alemaña en principados católicos, luteranos, calvinistas e doutras confesións, a miúdo enfrontados entre eles. Tras a fin da Guerra dos Trinta Anos, os tratados de paz de Westfalia (1648) reduciron o Imperio a unha fición, aínda que os Habsburgo vieneses mantiveron a dignidade imperial desde 1438. A supremacía de Austria comezou a ser disputada por Prusia a mediados do s XVIII; as guerras napoleónicas conlevaron a mutilación e simplificación do Imperio e a un forte retroceso da influencia austríaca en beneficio de Francia. De acordo coa nova situación, o 6 de agosto de 1806 Francisco II renunciou ao título de emperador do Sacro Imperio Romano-Xermánico e tomou o de emperador de Austria.

Palabras veciñas

sacristanía | sacristía | sacro -cra | Sacro Imperio Romano-Xermánico | sacro- | Sacrobosco, Johannes de | sacrociático -ca