Sagra e Periz, Ramón de la

Sagra e Periz, Ramón de la

Naturalista, economista e pensador. Estudou varias materias científicas na Escola de Náutica e Navegación do Consulado do Mar e en 1813 trasladouse a Santiago ao Colexio militar de san Clemente; no curso 1816-1817 estudou matemáticas sublimes, cos profesores Domingo Fontán e Xosé Rodríguez, e terminou estudos na Universidad de Madrid, cidade na que en 1819 escribiu o primeiro comentario español de que se ten noticia sobre E. Kant na Crónica Científica y Literaria, e un ano despois participou na fundación do Ateneo Científico y Literario. Neste momento o seu apoio aos liberais permitiulle acceder ás áreas de xestión gobernamental. En 1921 foi enviado en misión comercial a La Habana, pero regresou á Coruña ese mesmo ano, onde, xunto con Casiano de Prado, fundou a revista El Conservador Constitucional, de ideoloxía liberal e antiabsolutista. O 25 de xuño de 1823 volveu a La Habana onde permaneceu ata 1835. Alí dirixiu o Jardín Botánico e ocupou a cátedra de Botánica na Escuela de Agronomía, ademais de dedicarse aos temas relacionados coas ciencias naturais, a historia e problemas sociais. Destas inquietudes xurdiron diversas publicacións, sobre todo a que editou en París entre 1838 e 1854: Historia física, política y natural de la isla de Cuba, de 12 volumes (en 1861 e 1863 publicou dous volumes suplementarios), e a fundación de Anales de Ciencias, Agricultura, Comercio y Artes (1827). En 1835, ao deixar Cuba, onde recibira a influencia do socialismo racional europeo, visitou Nova York e outras cidades de América recollendo notas coas que compuxo o libro Cinco meses en los Estados Unidos de América del Norte, desde el 20 de abril al 23 de septiembre de 1835 (1836), en que recolle referencias a centros de ensino, administración escolar e escolas normais, e centrou a súa atención na economía social, da que foi o seu introdutor en España. Á súa volta estableceuse en París, alternando con estancias en Madrid. Entre 1837 e 1840 foi deputado pola Coruña do partido moderado e viaxou por Francia, Bélxica, Holanda e Alemaña documentándose sobre aspectos de beneficencia, educación e reforma social. Con todo o material recollido escribiu Voyage en Hollande et en Belgique (2 volumes, 1839). Manifestouse como un defensor da educación popular e da instrución pública para mellorar a educación do pobo, mostrándose favorable pedagoxicamente cara ás orientacións pestalozzianas, deu clases de economía social (Lecciones de economía social, 1840) e interveu na posta en marcha da Sociedad para Propagar y Mejorar la Educación del Pueblo, en conexión coa Sociedad Económica de Amigos del País de Madrid. Na súa viaxe (1843) a Bélxica coñeceu a Heinrich Ahrens, a través de quen e mediante o contacto con de La Sagra o profesor Julián Sanz del Río introduciu o krausismo en España. Entre 1837 e 1842 entrou en contacto co socialismo utópico de Saint-Simon, especialmente coas ideas de M. Chevalier, E. Ducpetieux, o barón de Colins e Pierre-Joseph Proudhon. Criticou abertamente o capitalismo sinalando que a sociedade estaba dividida en dous grupos opostos e defendeu, entre outros aspectos, a propiedade colectiva. Durante a década de 1840 mantivo unha estreita relación coa xeración de Antolín Faraldo e, en 1845, colaborou en El Porvenir de Santiago. En 1848 coa publicación dos seus Aphorismes sociaux retornou ás posicións conservadoras en política, aínda que non nas cuestións económicas. Cara a 1857, e despois de continuos fracasos e decepcións, adoptou un mistecismo relixioso exaltado ao considerar a relixión como un ideal para a humanidade, en coincidencia con Donoso Cortés, e as posturas políticas absolutistas -aínda que na etapa final da súa vida achegouse de novo ao idealismo kantiano-. Desta época son os seus Artículos varios sobre las malas doctrinas (1859) e El mal y el remedio (1859).   En setembro de 1870 exiliouse a Suíza. Foi membro correspondente do Institut Royal de France (1837) na sección académica de Ciencias Morais e Políticas e doutor (1839) pola Universidade de Santiago.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña

  • Deceso

    Lugar : Neuchâtel