Sagrada Familia, templo da

Sagrada Familia, templo da

Templo expiatorio situado en Barcelona. Iniciado pola Associació Josefina, o proxecto oficial fíxoo Francesc de P. Del Villar pero en 1883 fíxose cargo da obra Antoni Gaudí, que optou por modificar o proxecto primario sen facer un de novo. Proxectou un templo de planta basilical con 5 naves e un cruceiro de 3 naves cun ciborio de 170 m de altura, e tres fachadas: a do Nacemento (declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 2005), a da Gloria, a principal, e a da Paixón, cada unha con 4 campanarios. Antes da morte de Gaudí construíronse a ábsida e a fachada do Nacemento. Durante a Guerra Civil Española queimáronse a cripta, o taller de Gaudí e as maquetas que este realizara de todo o conxunto. En 1940 comezou a restauración da cripta e a reconstrución das maquetas e a obra reiniciouse en 1954 coa fachada da Paixón. Desde entón continuouse coa construción das naves e do cruceiro. A obra de Gaudí varía dunha libre e imaxinativa interpretación do neogótico, ao modernismo da fachada do Nacemento e ao expresionismo das torres e os pináculos.