Said Armesto, Vítor
Filólogo e escritor. Criado nun ambiente liberal e progresista, desde moi novo sentiu a influencia do seu tío Indalecio Armesto. En 1886 tirou do prelo as follas propagandísticas La Guindilla e Los amigos del Progreso, coas que procuraba unha revitalización da actividade política da mocidade pontevedresa. Ao ano seguinte editou unha pequena novela, Amor y celos, que apareceu como folletín no xornal que dirixía o seu tío Indalecio, e en 1897 o estudo Análisis y Ensayos, onde se advirte certa moderación nos seus postulados políticos, influído pola lectura de escritores franceses da biblioteca de Xesús Muruais. Nesta época exerceu como profesor no Instituto de Pontevedra. A partir de 1902 comezou a recolleita de material para a publicación do Cancionero Musical de Galicia, que presentou, xunto con Casto Sampedro, ao concurso da Academia de Belas Artes, premio que conseguiron en 1910. Previamente, en 1905 participou na comisión preparatoria da fundación da Real Academia Galega e, próximo ao galeguismo, colaborou con Solidaridad Gallega (1907). Despois de sucesivas estadías en Reus, León e Pontevedra, en 1914 conseguiu a cátedra de Lingua e Literatura Galego-portuguesa da Universidad Central (1914). Autor do libreto da zarzuela La flor del agua (1914), con música de Conrado del Campo, escribiu La leyenda de Don Juan. Orígenes poéticos de “El burlador de Sevilla” y El convivado de Piedra (1908), un dos estudos máis destacados deste mito literario; Tristán y la literatura mística (1911) e Notas para el estudo de la materia de Bretaña en la poesía lírica gallega de los siglos XIII y XIV (1911), ademais das edicións críticas de Las mocedades del Cid (1913), de Guillén de Castro, e Los cigarrales de Toledo (1913), de Tirso de Molina. En 1997 D. García-Sabell editou Poesía popular gallega: colección de romances, baladas y canciones recogidos de la tradición oral.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Pontevedra -
Deceso
Lugar : Madrid