Salamanca
Capital e cidade da provincia de Salamanca, Castela e León, situada na ribeira dereita do Tormes (156.368 h [2001]). É un importante mercado agrícola e gandeiro, que conserva o seu antigo interese como centro universitario e administrativo. Identificada coa antiga Helmantiké ou Salmantica, foi conquistada por Aníbal en 217 a C. Baixo o dominio romano, formou parte de Lusitania e, desde 712, quedou en poder dos musulmáns ata a conquista de Toledo (1085). Durante os reinados de Afonso VIII e Afonso IX elaborouse o foro da cidade e fundouse a universidade (1200). Foi o centro da industria téxtil castelá e mercado exportador de la. No s XVI a universidade converteuse nun foco cultural de Europa, grazas ao prestixio dos seus mestres, que constituíron a escola de Salamanca. Ocupada polas tropas napoleónicas (1809), foi liberada por Wellington. Durante a Guerra Civil Española (1936-1939), foi sede de varios ministerios do goberno franquista e de organizacións falanxistas. A cidade vella foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1988). A catedral vella de Santa María (ss XII-XIII) ten tres naves, con cruceiro cuberto pola cúpula Torre del Gallo e na que destaca o retablo maior e o fresco da bóveda da ábsida, que representa o xuízo final, obra de Nicolás Florentino (s XV). A catedral nova da Asunción, arrimada á vella (ss XVI-XVIII), é de estilo gótico tardío, e ambas as dúas foron declaradas BIC en 1887. Destaca tamén o convento de San Esteban (BIC, 1890), a Torre del Clavero, a Casa de María la Brava e a Casa del Doctor Abarca Maldonado, as tres de estilo gótico e todas elas declaradas BIC, a Casa de las Conchas (BIC, 1929), que é do s XVI e reúne elementos góticos e mudéxares, e os palacios de Monterrey (BIC, 1929) e de Fonseca, o colexio dos Irlandeses ou do Arzobispo (BIC, 1931). No antigo barrio chinés construíuse en 1992 o pazo de Congresos, obra de J. Navarro Baldeweg, e a Casa Lis, de estilo modernista, que se converteu nun museo de Art Nouveau e Art Déco.