Salerno

Salerno

Capital da provincia homónima, Campania, Italia (144.078 h [2001]). Está situada preto do pequeno río Irno, no centro do arco que forma a costa do golfo de Salerno. Colonia romana (Salernum) fundada no ager picentinus (197 a C), pasou ao dominio de Odoacro (s V) e foi conquistada polos bizantinos de Belisario (540?). Integrada no ducado longobardo de Benevento (646), converteuse en capital do principado de Salerno (847-1077) e do ducado normando de Pulla-Calabria (1077-1127). Enfeudada sucesivamente polos Colonna, Orsini e Sanseverino, pasou a formar parte do Reino de Nápoles (1550) e, finalmente, de Italia (1860). A escola de Salerno (ss IX-XIX) foi a escola médica máis antiga de Europa, fundada probablemente por frades de Montecassino (s IX), onde destacaron os mestres Guarimpot (s X) ou Constantino o Africano (ss XII-XIII). A obra colectiva máis destacada é Flos sanitatis ou Flos medicinae Salerni, cheo de aforismos médicos. Do seu patrimonio cultural destaca a catedral (1076-1084).