Salzburgo
Capital do land de Salzburgo, Austria (144.817 h [2001]). Situada á beira do Salzach, a cidade antiga álzase na beira esquerda do río, ao pé do Mönchsberg, coroado polo castelo. A cidade medieval xurdiu arredor do mosteiro de Sankt Peter fundado en 696 por Ruperto, bispo de Worms. Bispado (739), arcebispado (798) e principado do Imperio (1278), en 1492 expulsou aos xudeus e en 1731 aos protestantes. O principado pasou a Toscana (1803), Austria (1805) e Baviera (1809). En 1816 volveu a Austria, aínda que perdeu parte do seu territorio. Do seu patrimonio cultura e destacan a Franziskanerkirche (s XIII), a igrexa de Sankt Peter (s XII, reconstruída no s XVIII), a catedral (1614-1628), o castelo de Hohensalzburg, as salas onde se celebran os festivais de Salzburgo e a casa natal de Mozart. O centro histórico da cidade foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1996.