San Francisco

San Francisco

Cidade do estado de California, EE UU, (776.733 h [2000]). Situada ao N dunha península estreita e alongada, fronte ao Pacífico e ao O da baía homónima, a expansión urbana afectou á ribeira occidental da baía de feito que Daly City, South San Francisco, San Mateo, Redwood City, Palo Alto e Santa Clara forman unha cadea continua de núcleos urbanos duns 80 km entre San Francisco e San José. Destaca Chinatown, o barrio chinés. As principais funcións urbanas afectan ao sector dos servizos. A industria é bastante importante, con construcións mecánicas e refinarías de petróleo, e tamén destaca a industria turística. Foi o núcleo orixinario da misión franciscana de Yerba Buena, creada pola iniciativa de frei J. Serra (1776). Ocupada por México (1822) e EE UU (1846), que lle deron o nome actual, tivo un crecemento espectacular a consecuencia do descubrimento de ouro en California (1848). Destruída por un terremoto e un incendio (1906), foi reconstruída.