San Marino
Pequeno estado que forma un enclave independente e soberano dentro do territorio de Italia, entre as provincias de Forli, Pesaro e Urbino (61 km2; 27.000 h [estim 2001]). A súa capital é San Marino.
Xeografía
Trátase dun territorio moi accidentado, onde destaca o bloque calcario do monte Titano (738 m) e os outeiros arxilosos que o rodean. O clima é mediterráneo, cálido no verán, e frío e húmido no inverno. Varios ríos, Fiumicello, Ranco, Flocca e San Marino, atravesan o territorio. O turismo, a fonte principal de riqueza, é un sector que activa outros negocios paralelos como a venda de artesanías e de selos. Son importantes as remesas de cartos que proceden da poboación emigrada, instalada preferentemente en Italia e noutros países veciños. A agricultura produce trigo, uvas e cebada. A industria é fundamentalmente alimentaria. O 88,7% da poboación é urbana. Entre San Marino e Italia existe unha unión aduaneira e convencións no campo das telecomunicacións e de correos. A moeda italiana foi de libre curso ata a entrada do euro en 2002.
Sociedade e goberno
A lingua oficial é o italiano e a relixión maioritaria a católica (88,9%). República independente, segundo a Constitución do 8 de outubro de 1600 e a lei electoral de 1926, que cumpre algúns aspectos dunha constitución, o poder lexislativo exérceo o Consiglio Grande e Generale, formado por 60 membros elixidos por sufraxio universal para un período de 5 anos mediante representación proporcional. Entre os seus membros desígnase a Eccellentissima Reggenza, órgano colexial semellante á xefatura do estado, que está composta por dous capitani reggenti elixidos cada seis meses. O poder executivo exérceo o Congreso di Stato, elixido por un período de 5 anos, formado por dez membros e presidido pola Eccellentissima Reggenza. O sistema xudicial baséase no sistema de leis civís italianas e non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. Conta co Consiglio dei XII integrado por doce conselleiros elixidos entre os compoñentes do Consiglio Grande e Generale ao principio da lexislatura e que ten funcións executivas e xurisdicionais. As principias forzas políticas son: o democratacristián Partito Democratico Cristiano Sammarinese (PDCS); os socialdemócratas Partito Socialista Sammarinese (PSS) e Partito dei Democratici (PD); o centrista Alleanza Popolare dei Democratici Sammarinesi per la Repubblica (APDS) e o comunista Rifondazione Comunista Sammarinese (RCS). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Consello de Europa, ONU e OSCE.
Historia
Segundo unha lenda, o estado foi orixinado por unha comunidade relixiosa fundada no s IV por Marino. En 885 o establecemento foi recoñecido independente. No s XIII converteuse en república autónoma baixo a tutela dos bispos de Rimini e Montefeltro, e máis tarde pasou a depender dos duques de Urbino. No s XV foi unha república independente, pero a principios do século seguinte foi dominado por César Borja. Recuperada a independencia, experimentou un longo período de declive que acabou en 1739, cando foi incorporado aos Estados Pontificios. Recoñecido como república independente polo Congreso de Viena (1815), en 1862 asinou un tratado de amizade con Italia (renovado en 1897, en 1939 e en 1953). Desde 1945 a 1957 San Marino estivo gobernado por unha coalición do Partito Comunista Sammarinese (PCS) e o PSS pero, desde 1957, o goberno estivo dominado polo PDCS. As mulleres conseguiron o dereito ao voto en 1960. A partir de 1973 gobernou unha coalición entre o PDCS e o PSS, pero os socialdemócratas abandonaron a coalición en 1977 e, en 1978, formaron goberno co PCS e disidentes socialistas; gobernaron ata 1986. Tras un escándalo financeiro, os democratacristiáns e os comunistas formaron goberno, coalición que se repetiu nas eleccións de 1988. Nas eleccións de 1993 formouse un goberno de democratacristiáns e socialistas, renovado en 1998 e 2001.