San Miguel de Coence, igrexa de
Igrexa parroquial situada en Palas de Rei. De estilo románico, construíuse no s XII. Ten unha soa nave e capela rectangular. Destaca o arco triunfal con triplo arco abucinado, pero só o intermedio descansa sobre columnas, que teñen bases áticas e capiteis historiados. No capitel esquerdo atópanse tres figuras barbadas, con túnicas e aureolas arredor da cabeza; a do medio sostén un libro aberto diante do seu peito, agarrándoo coas dúas mans; e no dereito aparecen catro figuras humanas de características semellantes, pero unha está sentada e coas mans apoiadas sobre os xeonllos. Os cimacios están decorados con elementos fitomorfos moi estilizados. A porta principal ten dobre arquivolta de medio punto moldurada por medio de boceis e medias canas e rodeadas por unha chambrana de tacos. Están sostidas por catro columnas acobadadas que presentan capiteis de decoración vexetal.