San Simón, illa de

San Simón, illa de

Pequena illa situada na enseada de San Simón, no fondo da ría de Vigo, na parroquia de Cesantes (Redondela). De 250 m de longo e 84 de ancho, é pouco elevada e escarpada no litoral. Orixinariamente eran dúas illas, San Simón e Santo Antonio, que máis tarde se uniron por unha ponte. Pertenceu á orde do Temple desde o s XII ata o s XIV e as súas dependencias foron ocupadas polos franciscanos, que sufriron o saqueo de F. Drake en 1589. En 1598 instaláronse monxes procedentes de San Xoán de Poio que reconstruíron o vello convento. Anos despois regresaron os franciscanos ata que en 1702, despois da Batalla de Rande, o convento foi destruído. Reedificado de novo, permaneceron nel ata que se trasladaron en 1809 a Agrelo. En 1830 aprobouse este emprazamento para usalo como lazareto da cidade de Vigo. Na illa de Santo Antonio estaban os enfermos sen cura e na de San Simón os que poderían curarse. Durante a Guerra Civil e ata 1943 foi cárcere e despois albergue e fogar para orfos de mariñeiros. En 1977 recoñeceuse a súa pertenza a Redondela. Xunto coa illa de Santo Antonio foi obxecto dun plan de rehabilitación integral segundo un proxecto de César Portela. Foi declarado BIC en 1999.