Santa Clara, convento de
Convento de monxas clarisas situado en Santiago de Compostela. Fundouse no s XIII coa iniciativa de Violante, muller de Afonso X o Sabio e renovouse no s XVII. A igrexa que se conserva é dos ss XVII e XVIII e nel traballaron D. de Andrade, frei G. Rodríguez, P. de Arén e S. Rodríguez. A igrexa ten planta de cruz latina, cunha única nave e cúpula sobre o cruceiro. O retablo maior, proxectado por D. de Andrade, realizouno Domínguez Bugarín. Destaca a fachada construída por S. Rodríguez (1719). Trátase dun muro que non dá acceso á igrexa, a porta de acceso a esta atópase máis atrasada despois de cruzar un xardín, e que ten unha función esceneográfica. Estrutúrase en tres rúas e tres corpos. A decoración está centrada na rúa central e mostra un xogo de luces e sombras que consegue co emprego de placas, volutas, cornixas e frontóns partidos. No corpo central atópase unha fornela coa imaxe de santa Clara e enriba un escudo.