Santa María Salomé, igrexa de

Santa María Salomé, igrexa de

Igrexa situada en Santiago de Compostela. Fundouna o chantre Paio Abad cara a 1140 en honor da nai dos apóstolos Santiago o Maior e Xoán e contou co mecenado do arcebispo Xelmírez. Ten planta cadrada con pequenos brazos que xorden de catro arcos de medio punto apoiados sobre pilastras estriadas. A cúpula é de media laranxa sobre pendentes e está decorada con estudos. No s XVI engadíuselle, á beira do presbiterio, a capela de Nosa Señora e San Xosé, cuberta cunha bóveda nervada, e no s XVII construíuse a capela barroca de Santa Tareixa, cuberta cunha cúpula con casetóns e lanterna. A portada principal ten arquivolta tripla levantada sobre columnas con capiteis decorados. Na clave da porta atópase a imaxe da Virxe do Leite co Neno e aos lados a Anunciación do s XV. A porta está gornecida por un pórtico do s XVI.