Santiago, orde de
Orde militar fundada cara a 1170, en época do Rei Fernando II. O fundador e primeiro mestre, Pedro Fernández de Fuencalada, era descendente dos reis de Navarra por liña paterna e dos condes de Barcelona pola materna. A asistencia espiritual dos seus seguidores encomendouse aos cóengos regulares de Santo Agostiño que vivían no mosteiro de Santa María, próximo ao lugar en que o río Loio entra no Miño, quedando, así, incorporados á orde. O 12 de febreiro de 1171, o acebispo compostelán Pedro Gundesteiz consagrou por vasalos e cabaleiros do apóstolo Santiago a don Pedro Fernández e a toda a súa milicia, chegando ao acordo de que en adiante o mestre e os sues sucesores serían cóengos da igrexa compostelá, e o arcebispo e os seus serían freires da orde. O Papa Alexandre III confirmou e aprobou a orde o 5 de xullo de 1175, por bula dada en Ferentino, preto de Roma. No XVI os Reis Católicos incorporaron o mestrado da Orde de Santiago á coroa. A súa vestidura distintiva estaba composta por unha capa branca sobre a que ía, como emblema, unha cruz vermella en forma de espada, que desde entón se coñeceu como cruz de Santiago. A orde contou con numerosas posesións en todos os territorios de fronteira, con enclaves tan importantes como Uclés. O arcebispo compostelán Bernaldo II dooulle a cidade de Mérida con todo o seu territorio. Foi a única orden militar española que contribuíu ao fomento das peregrinacións a Compostela e ao seu cargo estiveron diversos hospitais no Midi francés e en España, como San Marcos de León. En Galicia os mosteiros máis destacados foron os de Santa María de Codeseda, San Munio de Veiga e San Salvador de Vilar de Donas.