Santiago, Voto de
Renda eclesiástica a favor da Igrexa de Santiago de Compostela, que consistía no pago anual, por parte do campesiñado, de media fanega de gran e unha medida de viño. Tivo as súas bases na Idade Media, aínda que de dubidosa procedencia: a tradición defendeu unha orixe mística, nada na Batalla de Clavijo (s IX), cando a Ramiro I se lle apareceu o Apóstolo Santiago para asegurarlle a vitoria sobre os musulmáns. En agradecemento, instaurou a ofrenda para manter o culto apostólico. Mais este imposto xa existía con anterioridade na zona de Galicia e León, e desta forma lexitimouse e ampliou a outros territorios, facendo uso dunha falsificación do s XII. A mediados do s XVIII foi o momento de maior esplendor do imposto, aínda que había diferenzas na carga dependendo do lugar, así como na percepción máis substanciosa ou non, por parte da Igrexa. Foi abolido nas Cortes de Cádiz (1812), por ser un freo á extensión agrícola, pero reinstaurado por Fernando VII foi definitivamente eliminado en 1834.