Santo Domingo

Santo Domingo

Capital de República Dominicana e de Distrito Nacional (1.817.754 h [2002]). Está situada na costa meridional da illa, preto da desembocadura do Ozama. Foi a primeira cidade fundada polos europeos -fundouna Bertomeu Colón en 1496- no continente americano e o punto de partida da colonización española nas Antillas. Próspera ata finais do s XVI, o seu posterior período de decadencia durou ata o inicio do réxime ditatorial de R. Trujillo. Os ataques de F. Drake (1586) e a ocupación de Haití polos franceses (1697) retardou a súa recuperación, aínda que a produción azucreira e a reconstrución realizada baixo a ditadura de Trujillo (1930-1938 e 1948-1952) favoreceron o crecemento na segunda metade do s XX. Entre 1936 e 1961 denominouse Ciudad Trujillo. Do seu patrimonio destaca a catedral gótica (s XVI), con elementos renacentistas, as igrexas de Santo Domingo e San Francisco e a casa do Almirate (s XVI). A cidade colonial foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1990).