Sanzio, Raffaello

Sanzio, Raffaello

Pintor e arquitecto italiano, fillo de G. Sanzio. Coñecido como Rafael, formouse no ambiente da corte de Urbino. Estudou a obra de Piero della Francesca e arredor de 1500 foi a Perugia, onde aprendeu a técnica e colaborou con Il Perugino, que supuxo unha grande influencia para el (Sposalizio dellla Vergine, 1504). O respecto á tradición umbriana e a claridade da luz definiron as obras do seu período florentino (1504-1508) onde, vinculado estreitamente ao círculo neoplatónico, estudou a Leonardo da Vinci, de quen herdou a preocupación polo estudo científico do corpo humano (Madonna Terranova, Sacra Famiglia), e a Miguel Anxo, de quen recibiu un certo ton monumental e grandilocuente (Giovane con la mela, Giovane dall’unicorno). Desta época tamén destacan Madonne con il Bambino, Deposizione (1507) e a Madonna del Baldacchino, que sinalan unha evolución cara á representación do movemento. En 1508 viaxou a Roma convocado por Xulio II para decorar as Estancias Vaticanas. Foi o autor dos frescos das salas da Signatura (1508-11) e de Heliodoro (1511-14), destacando as representacións do Incendio di Borgo, Battaglia d’Ostia e Incoronazione di Carlo Magno. Proxectou a igrexa de Sant’Eligio degli Orefici (1509) e a capela Chigi, e en 1514 sucedeu a Bramante na dirección das obras de San Pedro do Vaticano, baixo o pontificado de León X. Ademais foi nomeado conservador de antigüidades romanas. A Madonna de Foligno, a Madonna della seggiola e os retratos de Baldasarr Castiglione e Leone X (1518) son as obras que representan a culminación do clasicismo e a consolidación dunha nova tendencia, o manierismo, cuxos principios formulou na súa Transfigurazione (1519), que deixou inacabada.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Urbino, Marcas

  • Deceso

    Lugar : Roma