sargo
(< lat sargu)
-
s
m
[ANIMAL/ICT]
Peixe perciforme, de corpo alto e comprimido, de 20 a 30 cm de lonxitude, con 8 dentes incisivos en cada mandíbula e dentes laterais visibles, redondeados e formando diversas fileiras. É de cor gris prata, con bandas pardas lonxitudinais sobre os flancos e unha ampla banda transversal negra sobre a cola, eventualmente estendida tamén sobre as aletas dorsal e anal e con aletas pelvianas negras. Reprodúcense entre xaneiro e marzo e alcanzan a madurez sexual aos dous anos. Na súa etapa adulta son animais carnívoros que se alimentan de crustáceos, moluscos e equinodernos mentres que na súa etapa xuvenil presentan unha alimentación omnívora. Vive en fondos rochosos e areosos en profundidades de ata 50 m.
-
s
m
[ANIMAL/ICT]
chaparela.
-
sargo picudo
[ANIMAL/ICT]
Peixe mariño litoral que pode chegar a medir 60 cm pero normalmente acada entre 30 e 40 cm de lonxitude. Presenta corpo ovalado, alto e moi comprimido lateralmente, cun fociño alongado e rematado nunha pequena boca. É hermafrodita, primeiro macho e despois femia. Amosa unha coloración prateada, algo máis escuro no dorso e ten unha alternancia de 7 a 9 bandas trasversais anchas con outras estreitas e de coloración máis pálida. As aletas caudal, anal e dorsal están rodeadas de negro. Vive na franxa costeira, sobre fondos rochosos e case sempre por riba dos 50 m de profundidade. De hábitos omnívoros, aliméntase, preferiblemente, de algas, vermes e esponxas mariñas.
-
sargo veado/acastañado
[ANIMAL/ICT]
Peixe mariño litoral que pode chegar a medir 55 cm pero normalmente acada entre 30 e 35 cm de lonxitude. Presenta corpo ovalado, alto e moi comprimido lateralmente, ollos pequenos, rostro groso continuado por beizos carnosos e grosos. Ten a aleta caudal alta e de lonxitude igual á da cabeza, aletas pectorais máis longas ca as pelvianas e acada no seu cabo distal a orixe da aleta anal, liña lateral completa fortemente arqueada. É hermafrodita, primeiro macho e despois femia. Amosa unha coloración prateada, con cinco bandas trasversais escuras bastante anchas, a última no pedúnculo caudal. As aletas son anegradas. Vive na franxa costeira, sobre fondos rochosos a 30-80 m de profundidade. De hábitos omnívoros, aliméntase de algas e pequenos invertebrados.