Saxonia
Rexión histórica de Alemaña centroriental, limitada ao S polas montañas Metalíferas e atravesada en dirección NO-SL polo Elba, orixe da súa prosperidade. Habitada polas tribos saxonas, que lle deron o nome, comprendía, ata 1180, un territorio que chegaba ata o mar do Norte e, de lado a lado, estaba comprendido entre o Ems e o curso baixo do Elba. Na segunda metade do s IX creouse o ducado de Saxonia, dividido nos ducados de Saxonia-Lauenburg e Saxonia-Wittenberg, que en 1356 se converteu en electorado. En 1697 o elector Federico Augusto I (1694-1733) converteuse en rei de Polonia. Napoleón I conquistou Saxonia en 1806 e fixo un reino, reducido polo Congreso de Viena (1814-1815). Prusia adquiriu Wittenberg, Tongau, o N de Turinxia e a maior parte de Lusacia, e o reino converteuse en membro da Confederación Xermánica. Como resultado da Revolución de 1830, estableceuse unha constitución en 1831. En 1871 o Reino de Saxonia pasou a formar parte do novo imperio alemán. Como consecuencia da derrota alemá na Primeira Guerra Mundial, o derradeiro rei de Saxonia, Federico Augusto III (1904-1918), abdicou e Saxonia converteuse nunha república ou estado libre do Reich (1919-1933). Continuou existindo como land baixo o réxime de Hitler e ao rematar a Segunda Guerra Mundial (1945) foi incorporada á zona de ocupación soviética. Coa reunificación de Alemaña creáronse en 1990 os länder de Saxonia e Saxonia-Anhalt.