Segovia

Segovia

Municipio e capital da provincia de Segovia, Castela e León (54.368 h [2001]). Situada na bacía setentrional da serra de Guadarrama, tivo unha orixe militar pola súa localización defensiva na beira do Eresma. A súa economía baséase nas industrias metalúrxicas e químicas e no turismo. Desde o s XII foi un destacado centro lanar e de panos, vinculado á mesta, e en 1475 foi escenario da Concordia de Segovia. Participou no levantamento das Comunidades de Castela e no s XVII entrou en decadencia, situación que tentou superar ao crear a Real Compañía Segoviana de Manufacturas de Lana (1763). Do seu patrimonio cultural destaca a cidade antiga que, xunto co acueduto romano -que ata 1950 distribuíu a auga do municipio-, foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, a Casa de la Moneda (BIC, 2000), a igrexa parroquial de San Juan Bautista (2000), a igrexa da Vera Cruz (BIC, 1919), o Alcázar (BIC, 1931), a igrexa románica de San Juan de los Caballeros (BIC, 1931) -sede do Museo de los Caballeros- ou o Museo Provincial de Bellas Artes (BIC, 1962). A catedral de estilo gótico tardío, obra de Juan e Rodrigo Gil de Hontañón (s XVI) conserva un Cristo de Gregorio Fernández e un retablo de Juan de Juni. Do s XV son os mosteiros de San Antonio El Real (BIC, 1931) e o de El Parral (BIC, 1914). Dos edificios civís destacan casas románicas e edificios renacentistas como o Palacio Episcopal, o Palacio de los Dávila e a Casa de los Picos. Conserva as murallas medievais coas portas de San Andrés (BIC, 1273), San Ciprián e Santiago.