Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega

Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega

Equipo de investigación dependente da Real Academia Galega, fundado a finais de 1980 e dirixido por Guillermo Rojo (1990-1994) e Manuel González (desde 1994). Está formado por un equipo multidisciplinar que conta con psicólogos, sociólogos, lingüistas e sociolingüistas. Realizou o Mapa Sociolingüístico de Galicia, do que se publicaron tres volumes (Lingua galega e competencia lingüística en Galicia, 1994; Usos lingüísticos en Galicia, 1995 e Actitudes lingüísticas en Galicia, 1996). Participou en diversos proxectos europeos, en colaboración con socios de Irlanda, Holanda, Gales, Catalunya e Euskadi. No 2004 publicou a monografía O galego segundo a mocidade, na que combinando diversas técnicas de tipo cualitativo (grupos de discusión, entrevistas en profundidade e técnica de máscaras) se chega á conclusión de que as actitudes da mocidade cara ao galego non son tan favorables como reflectían as enquisas de carácter cuantitativo. No 2005 realizou unha actualización dos datos do Mapa sociolingüístico, que presenta a novidade da incorporación dos territorios de fala galega de Asturias, León e Zamora.