Seminario Galego de Educación para a Paz
Seminario permanente que se creou en 1985 promovido por un grupo de profesionais dos distintos niveis do ensino sensibilizados diante da ausencia de materiais didácticos e reflexións teóricas sobre a educación para a paz en xeral ou especificamente sobre os dereitos humanos, a tolerancia, a solidariedade, o ecopacifismo, a solución pacífica de conflitos, a interculturalidade ou a cultura de paz. O seu primeiro coordinador foi o profesor Calo Iglesias Díaz e, desde 1994, convertido xa nunha ONG, está presidido por Manuel Dios Diz. Forma parte da Coordinadora Galega de ONG’s para o Desenvolvemento e da Coordinadora Galega pola Paz. No ámbito internacional forma parte dos Comités Asesores Internacionais de Hague Appeal for Peace, da Asociación Internacional de Educación para a Paz (AIEP) e da Fundación Cultura de Paz. Promoveu e coordinou o Congreso Europeo de Educación para a Paz, celebrado en Santiago de Compostela en 1994, así como o Congreso Mundial de Educación e Cultura de Paz, celebrado tamén en Compostela en maio de 2005 no marco da Conferencia Mundial de Paz, Solidariedade e Desenvolvemento. O SGEP publicou numerosas unidades didácticas sobre a educación para a paz, libros sobre distintos aspectos teóricos e prácticos da cultura da paz e diverso material audiovisual. A súa sede central está en Santiago de Compostela e realiza cursos de formación do profesorado e numerosas actividades anuais. Polas súas iniciativas recibiu os premios Xustiza e Sociedade (1998), o León Felipe pola Paz (2000), o Mensaxeiro pola Paz da UNESCO (2000), o de promoción de condutas tolerantes da Consellería de Educación (2001) e o Premio Vagalume (2003) do concello compostelán.