semita

semita

(< antropónimo Sem)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos semitas ou á súa lingua.

  2. s [ETN/HIST]

    Individuo dos pobos semitas.

  3. s m pl [ETN/HIST]

    Pobos que constituíron unha unidade étnico-lingüística e ocuparon unha rexión limitada ao N polo Tauro e o Antitauro, ao S polo Océano Índico e o mar de Arabia, ao L polo altiplano iránico e ao O polo Mar Vermello e o Mediterráneo. O termo foi empregado por primeira vez por A. L. Schlözer en 1781 para designar un grupo de linguas (arameo, hebreo, árabe e fenicio) faladas por pobos que un pasado bíblico (Xénese) facía, na súa maioría, descendentes de Sem, fillo de Noé. É imposible establecer cal é o primitivo pobo semítico e o lugar onde vivía. Desde o punto de vista relixioso pódese descubrir un pasado común nalgúns trazos, sobre todo o nome de Deus (El) e a pervivencia de formas culturais propias do primitivo nomadismo como as festividades (Pascua, Pentecoste), os santuarios ao aire libre a carón de árbores ou as fontes ou pedras sagradas. Historicamente destacan os asentamentos acadio en Mesopotamia e amorreo en Siria e en Babilonia no V e III milenio a C, respectivamente. Os arameos apareceron en Siria e en Palestina a partir do II milenio a C, onde constituíron unha serie de pequenos estados (cananeos, fenicios, moabitas, edomitas, ammonitas e israelitas ou hebreos), cuxa autonomía rematou entre os ss VIII e VI a C coa conquista asirio-babilónica. Os fenicios subsistiron en diversas colonias no Mediterráneo occidental (cartaxineses). Os diversos grupos que forman o pobo árabe (nabateos, sabeos, mineos e outros) foron unificados coa predicación de Mahoma e establecéronse, a partir do s VII, no L e no SL asiático, no N de África e na Europa mediterránea. O grupo abisinio, establecido desde o I milenio a C na actual Etiopia, fusionouse coa poboación camito-negrítica autóctona, aínda que conserva a súa lingua semítica.