semítico -ca

semítico -ca

(< semita)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos semitas ou ás linguas semíticas.

  2. linguas semíticas [LING]

    Familia de linguas do phylum afroasiático que falan os pobos semitas. Segundo criterios xeográficos, divídense en: semítico nororiental, semítico noroccidental e semítico suroccidental. O acadio é o único representante do grupo nororiental. Ao grupo noroccidental corresponden o amorreo, o ugarítico, o cananeo do que se excindirán o hebreo, o fenicio, o púnico e o moabita, e o arameo. O grupo suroccidental divídese en tres ramas: o árabe, as linguas meridionais e as linguas etíopes, este último substituído por un gran número de linguas semíticas modernas como o tigré ou tigriña, o amhárico e o gurage. Aínda que a maioría das antigas linguas semíticas desapareceron, a área xeográfica que ocuparon domínaa hoxe maioritariamente o árabe, que, coa aparición e expansión do Islam, foi a que máis se difundiu. As súas principais características son a gran variedade e o número de consoantes e os sistemas de tres vogais. O sistema morfolóxico baséase nas denominadas “raíces”, consonánticas e maioritariamente trilíteras. Co engadido de prefixos e sufixos e coa alternancia vocálica de cada raíz vanse formando os diferentes termos verbais e nominais (por exemplo, da raíz ktb, ‘escribir’, fórmase, en árabe, kataba ‘escribiu’, kutiba ‘foi escrito’, kitāb ‘libro’, kātib ‘escritor’, ‘secretario’, maktabat ‘biblioteca’, etc). Hai dous xéneros, o masculino e o feminino, e tres números, singular, plural e dual. A declinación presenta tres casos -nominativo, xenitivo e acusativo-, representados por desinencias. A representación gráfica máis antiga dunha lingua semítica é a escritura cuneiforme. Máis tarde xurdiron os diversos e variadísimos alfabetos, en xeral consonánticos (como o árabe e o hebreo, que, posteriormente, introduciron os signos vocálicos para determinados textos) e outros silábicos, como o etiópico.

Palabras veciñas

semisumador | semita | semitendinoso -sa | semítico -ca | semitismo | semitista | semitón