Séneca, Lucio Anneo

Séneca, Lucio Anneo

Escritor, filósofo e político. Os seus mestres eclécticos iniciárono na práctica de doutrinas austeras e exerceron sobre el unha influencia intelectualmente moi profunda que configuraron o seu estoicismo, humanizado polo sentimento e a unidade de estilo e de pensamento que liga a súa obra. Comezou a carreira de dereito que abandonou pola envexa de Calígula. Consagrouse á filosofía e ás letras, frecuentou a alta sociedade e converteuse en home desexado pola xente refinada. Foi acusado de adulterio e condenado a morte polo Senado, pero Claudio impediu que a sentenza se cumprise, e foi exiliado a Córsega. Volveu como preceptor de Nerón e comezou a súa época política. Ao desatarse a crueldade de Nerón retirouse dos asuntos públicos, pero non atopou a tranquilidade que desexaba. Suicidouse por orde do emperador. Nas súas obras rompeu co período ciceroniano e empregou unhas frases en que predomina a brevidade, a repetición, a asimetría e a antítese, cun estilo cheo de observación psicolóxica. A súa obra abrangue diálogos (De providentia, De constantia sapientis, De ira, De vita beata, De otio, De tranquilitate animi, De brevitate vitae, Ad Polybium de Consolatione, Ad Helviam de consolatione, De clementia, De beneficiis), 7 libros sobre Naturales quaestiones, 20 libros de Epistulae morales, 9 traxedias en verso (Hercules, Troades, Phoenissae, Medea, Phaedra, Oedipus, Agamemnon, Thyestes e Hercules Ietaeus), e a sátira contra o Emperador Claudio (Divi Claudii Apolocyntosis), ademais dun gran número de escritos perdidos.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Córdoba

  • Deceso

    Lugar : Roma