Serantes, San Tomé de
Igrexa parroquial situada en Leiro. Construída en estilo románico no s XII, ten unha soa nave, cuberta con madeira a dúas augas, e ábsida rectangular cuberta con bóveda de canón apuntada. No exterior destacan os canzorros que rodean os muros e a fachada coa portada enmarcada entre contrafortes prismáticos. É de arquivoltas apuntadas apoiadas en columnas acobadadas. Un tornachuvias decorado con arquiños que descansan en canzorros separa a portada do rosetón que se sitúa baixo arco semicircular tórico. Pegada á fachada atópase un torre de posible orixe románica, modificada co engadido dunha espadana de dous corpos. A porta sur ten arquivoltas apuntadas apoiadas en columnas con capiteis vexetais e fustes, nas columnas exteriores, percorridos por estrías helicoidais. O tímpano apóiase en mochetas con cabezas humanas e está decorado cunha cruz rodeada de persoas, animais e árbores.