Serbia
República federada de Serbia e Montenegro, que inclúe as rexións autónomas de Vojvodina e Kosovo (88.361 km2; 9.945.128 h [estim 2000]). A súa capital é Belgrado. Abrangue o territorio que se estende ao S de Belgrado e que corresponde coa conca do Morava e coa do seu afluente, o Nišava. A agricultura é a actividade principal e destacan os cultivos de cereais, viña, froiteiras, liño, tabaco e remolacha azucreira. Ten importantes depósitos de minerais. A actividade industrial baséase nas industrias siderúrxicas, maquinaria, industria química, do calzado, téxtil e alimentaria. Os primeiros habitantes do territorio actual de Serbia foron tribos ilirias, tracias e celtas (300 a C). Cara ao 150 a C, a tribo celta dos skordisker conseguiu certo prestixio ata que se iniciou a súa decadencia en 120 a C coa invasión de pobos estranxeiros, entre outros, os romanos, que a dominaron cara ao ano 85 a C. O territorio foi organizado como unha provincia da Mesia Superior. Durante os ss VI-VII chegaron tribos eslavas, que se estableceron e que foron cristianizadas ao longo dos ss VII-VIII. Durante os ss IX, X e XI algúns príncipes, como Vlastimir (850?) e Časlav (927-949), conseguiron un inicio de organización política, sobre todo no momento en que o príncipe Miguel foi coroado rei (1077) por un legado papal. O estado serbio comprendía unha parte do territorio actual de Bosnia, Zeta (Montenegro) e Raška; a capital era Skadar (Scutari). Durante o reinado de Constantino Bodin (1082-1106) iniciouse a descomposición do estado en pequenos territorios; soamente Raška acadou preponderancia e se transformou no núcleo do futuro estado serbio. O gran jupan Estevo Nemanja (Estevo I de Serbia) fundou (1171?) a unidade de Serbia e en 1180, despois da morte do emperador bizantino Manuel, logrou desfacerse da tutela bizantina. Estevo II (1196-1228) obtivo a coroa real por parte da curia e en 1219 recibiu por parte dos gregos a autorización de organizar unha Igrexa de Serbia independente. Pouco tempo despois, Serbia conseguiu un lugar preeminente nos Balcáns, sobre todo baixo Estevo Uroš III (1321-1331). Esta preeminencia continuou baixo Estevo Dušan Uroš IV (1331-1355). Despois da súa morte, Serbia descompúxose nunha serie de principados (Raška, Epir, Zeta, Prilep e Rudnik) e cara a 1459 foi ocupada definitivamente polas tropas do sultán turco Mehmet II. A identidade nacional atopou refuxio na Igrexa de Serbia ou na arte nacional. A partir do s XVI, iniciouse unha nova oposición serbia contra os turcos, sobre todo nas montañas. Pero a verdadeira guerra de independencia dos serbios iniciouse a comezos do s XIX (1804-1806) e foi dirixida por comerciantes, presbíteros, autoridades dos pobos, membros de gremios, e outros sectores sociais. Foi elixido como xefe dos serbios Djordje Petrovič Karadjordje (Xurxo I de Serbia). En 1805 os serbios aprobaron unha constitución, onde dominaban os campesiños e os comerciantes. A partir da Paz de Bucarest (1812), Turquía viuse obrigada a conceder a autonomía, pero pouco despois desdíxose e volveu a ocupar o país. En 1815 produciuse a segunda rebelión contra os turcos baixo o preboste Miloš Obrenović. En 1830, a raíz da Paz de Adrianópolis, Turquía recoñeceu a autonomía serbia baixo a dinastía dos Obrenović. A partir de 1842, sucedéronse no poder membros das familias Obrenović e Karadjordje practicamente ata 1903. En política interior, Serbia dotouse en 1869 dunha constitución bastante liberal, a pesar de que os partidos políticos (coa figura eminente do xefe do partido radical Nikola Pašić) non conseguiron vencer a oposición do príncipe Milan Obrenović (1868-1889). En 1882 Milan proclamou o Reino de Serbia. En política exterior, Serbia pasou por unha época moi convulsa, baixo a influencia do Imperio Austríaco. A partir de 1860 fíxose sentir a influencia do movemento da Omladina, que buscaba a unión política de todos os serbios e croatas dos territorios turcos e austro-húngaros. Despois do extermino da dinastía dos Obrenović, foi elixido rei (1903) Pedro Karadjordjevič (Pedro I de Serbia), o cal perseguiu unha política exterior independente de Austria, coa idea de transformar Serbia no núcleo do futuro estado de todos os eslavos do S. A situación política agudizouse aínda máis a raíz da Primeira Guerra Balcánica (1912), durante a cal Serbia logrou vencer a Turquía. Tras a Segunda Guerra Balcánica (1913), Serbia recibiu, na Paz de Bucarest, o N de Macedonia. Entrementres, no interior do país, proseguía a axitación a favor dunha Gran Serbia, promovida pola sociedade secreta Man Negra, por altos oficiais do exército, por elementos nacionalistas e por membros do goberno. A súa campaña culminou o 28 de xuño de 1914 no asasinato en Sarajevo por un serbio de Bosnia, Gavrilo Princip, do herdeiro da coroa austríaca Francisco Fernando e da súa dona. Estalou entón a Primeira Guerra Mundial. Durante os anos 1915-1916 Serbia foi case completamente ocupada por alemáns, austríacos, húngaros e búlgaros. O Rei Pedro I, que abandonara o país, volveu en 1919 do seu exilio e transformouse no primeiro soberano do novo Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos. En 1929 o reino recibiu o nome de Reino de Iugoslavia (Iugoslavia). Despois da Segunda Guerra Mundial, Serbia integrouse na República Federal Popular que en 1953 se converteu na República Popular Federativa de Iugoslavia e en 1963 na República Socialista Federativa de Iugoslavia. En 1991 disolveuse a Federación de Iugoslavia e Serbia creou con Montenegro a República Federal de Iugoslavia, en que mantivo un papel preponderante. En 2003 as dúas repúblicas formaron o novo estado de Serbia e Montenegro.