Serbia e Montenegro

Serbia e Montenegro
Nome científico: [Nome oficial serbocroata: Srbija-Crna Gora]

República Federal do S de Europa que ocupa a parte central e N dos Balcáns (102.173 km2; 10.538.000 h [estim 2001]). Limita ao N con Hungría, ao NL con Romanía, ao SL con Bulgaria, ao S con Macedonia e Albania, ao SO co Mar Adriático e ao O con Croacia e Bosnia-Herzegovina. A súa capital é Belgrado.
Xeografía física
O centro e o S do país é moi montañoso e está ocupado por importantes cordilleiras e mesetas, con altitudes que moitas veces acadan os 2.000 m de altitude (Durmitor, 2.522 m). Estes relevos son atravesados por fértiles vales fluviais que se dirixen cara ao S e cara ás terras baixas dos arredores do lago Shkodër. As fértiles chairas costeiras esténdense próximas ao porto de Kotor e á cidade adriática de Bar. O N do territorio, Serbia, tamén é montañoso, aínda que moito menos, e está composto por unha chaira inclinada cara ao Danubio e regado polos ríos Tisza, Drava e Sava, formando socalcos de fértiles loess. O clima é de tipo continental, con veráns cálidos e invernos fríos. O frío inverno débese á fácil penetración no país que teñen os fríos e secos ventos procedentes do L de Europa; en cambio, o verán é moi caloroso, sobre todo no fondo dos vales, grazas á baixa latitude do país. O clima mediterráneo aparece só na franxa costeira montenegrina, que aínda así goza de abundantes precipitacións durante todo o ano. Nas zonas montañosas o clima é máis duro, especialmente no inverno, cando as mesetas e os altiplanos adquiren un réxime climático case estepario. O Danubio e o seu afluente, o Morava, organizan a rede hidrográfica.
Xeografía económica
Este estado acolle boa parte das terras de economía máis deprimida e obsoleta da antiga federación iugoslava, como o S de Serbia, toda a república de Montenegro e, sobre todo, Kosovo. Pero o país posúe tamén unha rica rexión agrícola, industrial e comercial en Vojvodina e na capital, Belgrado. O mapa produtivo de Serbia e Montenegro concéntrase no N do país e ao longo do val do Morava. A capital é o único foco capaz de acoller a industria, os servizos avanzados e as actividades comerciais importantes. O resto do país está inmerso nunha precariedade e un ruralismo acentuados pola incerteza da guerra. O N é unha rica rexión agrícola e gandeira, con importantes producións de cereais como millo, trigo, orxo, cebada ou centeo. No S son máis abundantes os recursos forestais e os pastos. Nos vales destaca o cultivo da viña. En Montenegro a gandaría vacúa, ovina e porcina son a fonte tradicional de riqueza. No interior de Serbia existen xacementos de cobre, cromo, antimonio, carbón, chumbo e prata, e en Montenegro de gas natural. A maior parte da industria do país é inviable; as grandes siderúrxicas, as plantas químicas e toda a infraestrutura produtiva socializada está atrasada, non é competitiva e sofre os mesmos problemas que outras economías do leste europeo.
Xeografía humana
Trátase dun país bastante poboado, xa que con máis de 103 h/km2supera amplamente a densidade media do continente europeo. Non obstante, existen diferenzas rexionais: a chaira interior de Serbia é a máis poboada, mentres que as montañas son as zonas de menor asentamento humano. É un país pouco urbanizado, só o 52,2% (2000) da poboación é urbana. A rede urbana do país, aínda que completa, estabilizada e ben xerarquizada, ten un polo de concentración no N, na zona de Belgrado e da Vojvodina, que conforman unha importante rexión urbana con multitude de núcleos a todos os niveis que crea una zona metropolitana e perimetropolitana nos arredores da súa capital. O resto do país concentra a súa vida urbana nas distintas capitais locais (pequenas e medianas), únicos centros para unhas rexións extremadamente ruralizadas.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A poboación caracterízase pola diversidade e pola presenza de diversas minorías. Xunto coa maioría de serbios (62,6%) destacan as minorías de albaneses (16,5%), maioritarios en Kosovo, montenegrinos (5%), maxiares (3,3%) e musulmáns (3,2%). A lingua oficial é o serbio (serbocroata), pero tamén se fala albanés. A maioría da poboación é ortodoxa (62,6%), seguida de musulmáns sunnitas (19%), católicos (5,8%) e membros doutras relixións (12,6%).
Goberno e política
Despois da disolución da Federación de Iugoslavia, constituíuse a República Federal de Iugoslavia o 27 de abril de 1992, formada polas repúblicas de Serbia, coas rexións de Vojvodina e Kosovo, e Montenegro, dotadas cada unha delas dos seus propios órganos lexislativos e executivos. Un acordo entre Serbia e Montenegro en marzo de 2002 permitiu que se convertesen en dous estados semiindependentes, con capacidade para dirixir a súa economía, e posuír moeda propia. O 31 de maio de 2002 o Parlamento iugoslavo ratificou este acordo e o 4 de febreiro do 2003 aprobouse a nova constitución. A Skupština Srbije i Crne Gore (Asemblea de Serbia e Montenegro) está formada por 126 membros: 91 de Serbia e 38 de Montenegro, elixidos por cada estado. Nos dous anos seguintes á proclamación da Constitución foron elixidos indirectamente, en proporción á súa representación en cadansúa asemblea, e despois elixíronse de forma directa, para un período de 2 anos. A asemblea elixe ao presidente de Serbia e Montenegro, non deben ser do mesmo estado o presidente da asemblea e o do estado. Este elíxese para un período de 4 anos e debe ser alternativamente dunha ou doutra república. O poder executivo reside no presidente do estado e no Consello de Ministros, formado por 5 membros, propostos polo presidente e aprobado pola asemblea. Son elixidos para un período de 4 anos. O poder xudicial reside na Corte de Serbia e Montenegro. Os xuíces que a integran son elixidos pola asemblea a proposta do Consello de Ministros para un período de 6 anos e pertencen en igual número a cada república. As principais formacións políticas son: Srpska Radikalna Stranka (SRS); Demokratska Stranka Srbije (DSS); Demokratska Lista za Evropsku Crnu Goru (DLECG); Zajedno za Promjene (ZP); Demokratska stranka (DS); G17 PLUS (G17+); a coalición SPO-NS intergada por Srpski Pokret Obnove e Nova Srbija; e o Socijalisticka Partija Srbije (SPS). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: ONU e OSCE.
Historia

As unións previas desde a Primeira Guerra Mundial
Ao termo da Primeira Guerra Mundial formouse, o 1 de decembro de 1918, o Reino dos Serbios, Crotas e Eslovenos, rexidos por unha dinastía serbia á fronte dunha monarquía constitucional. O centralismo serbio provocou a oposición croata e unha crise política que tentou solucionar Alexandre I ao establecer en 1929 unha ditadura personal. Nese mesmo ano substituíuse o nome do estado polo de Iugoslavia. A ditadura rematou en 1931 coa proclamación dunha nova Constitución, pero o nacionalismo croata non puido ser desarmado e en 1934 Alexandre I e o ministro Barthou foron asasinados polos independendistas croatas. Iugoslavia achegouse a Alemaña e Italia e en 1941 asinou o Pacto Tripartito (Alemaña-Xapón-Italia), pero días despois produciuse unha conspitación contra o goberno dirixida por oficiais opostos a Alemaña. Hitler invadiu o país e os croatas proclamáronse independentes. A resistencia organizouse ao redor do coronel Mikhajlovič e o xefe comunista Josip Broz, Tito. A entrada das tropas soviéticas en 1944 provocaron o exilio do Rei Pedro II a Londres. As eleccións do 11 de novembro deron o triunfo á Fronte Nacional, baixo a dirección comunista, e a nova asemblea proclamou a República en novembro de 1945. A Constitución de 1946 proclamou a República Federal Popular, en que se integraron as repúblicas de Eslovenia, Croacia, Serbia, Bosnia-Herzegovina, Montenegro e Macedonia, e dúas provincias autónomas: Vojvodina e Kosovo, baixo a dirección política da Liga Comunista de Iugoslavia. A defensa dunha vía particular no comunismo separou a Iugoslavia da URSS (1948) e os soviéticos impuxeron un bloqueo económico que obrigou a Tito a reforzar as relacións con Occidente. Pola Constitución de 1953 constituíuse a República Popular Federativa de Iugoslavia e en 1963 a Asemblea Nacional Federal votou por unanimidade a constitución da República Socialista Federativa de Iugoslavia, modificada parcialmente en 1971, cando se estableceu un sistema de dirección colectiva do estado e do partido. En 1974 estableceuse unha nova Constitución.
A fragmentación política
Á morte de Tito (1980), un corpo colexiado, en que estaban representadas todas as repúblicas e as provincias autónomas, presidiu o goberno de Iugoslavia en rotación anual, co propósito de aminorar as tensions étnicas do país. Desde os primeiros anos da década de 1980 as diversas repúblicas iniciaron movementos que puñan en dúbida a unidade da federación. Os habitantes albaneses de Kosovo iniciaron manifestacións en marzo e abril de 1981, para acadar o estatuto de república. O goberno respondeu cunha dura represión. A crise económica ameazou a estabilidade política e provocou un recrudecemento das tensións étnicas pola autoxestión e o federalismo tradicionais. Os disturbios reiteráronse en Kosovo en 1988 e 1990, mentres o programa de choque do primeiro ministro socialista Ante Markovič impulsou reformas estruturais e unha política monetarista de liberalización para facer fronte á crise. En maio de 1989 foi elixido como presidente de Serbia o nacionalista Slobodan Milosěvić, partidario da centralización do estado. Este ano a asemblea de Eslovenia modificou a constitución da república para establecer un réxime democrático e reclamou o recoñecemento do dereito á autodeterminación, reforma seguida en 1990 polos parlamentos de Croacia e Macedonia, que adoptaron resolucións similares. Como resposta, Serbia e Eslovenia impuxeron sancións económicas mutuas. Entre abril e maio de 1990 Eslovenia e Croacia celebraron eleccións nas que venceron os partidos defensores das reformas radicais. O exército iugoslavo tentou ocupar as repúblicas e iniciáronse os enfrontamentos armados. Entre novembro e decembro de 1990, nas eleccións presidenciais e lexislativas, as repúblicas de Bosnia-Herzegovina, Macedonia e Serbia venceron os nacionalistas, feito que supuxo en Serbia o reforzamento dos partidarios de S. Milosěvić e un endurecemento das medidas centralizadoras. O intento de chegar a un acordo que garantise a preservación do estado iugoslavo en marzo de 1991, fracasou pola polarización entre Serbia-Montenegro e o resto das repúblicas. Eslovenia e Croacia declaráronse independentes en xuño, Bosnia-Herzegovina en outubro e Macedonia en novembro. Serbia respondeu iniciando unha guerra, breve en Eslovenia pero de maior intensidade en Croacia. A Unión Europea e a ONU interviron como mediadores do conflito, malia que consideraron a Serbia e Montenegro como responsables das hostilidades.
A República Federal de Iugoslavia
Recoñecida internacionalmente a soberanía dos novos estados balcánicos en 1992, Serbia e Montenegro proclamaron a constitución da República Federal de Iugoslavia. A asemblea federal da nova república estaba controlada polo SPS de S. Milosěvić. Inicialmente, o novo estado renunciou ás pretensións sobre o resto dos territorios da antiga Iugoslavia socialista, pero apoiou activamente os serbios na guerra que comezou en Bosnia-Herzegovina e o intento de xenocidio da comunidade musulmá deste estado. Como consecuencia disto produciuse un embargo comercial declarado pola ONU que deteriorou gravemente a economía da nova república. Ao mesmo tempo, a poboación albanesa de Kosovo, decidiu independizarse, feito que motivou unha dura represión do goberno de S. Milosěvić. A comunidade internacional respondeu con fortes críticas e durante o ano seguinte o presidente serbio asinou o Acordo Owen-Vance para a paz en Bosnia-Herzegovina. En agosto de 1994 S. Milosěvić rompeu as súas relacións cos serbo-bosnios feito que permitiu o levantamento parcial do embargo. Despois da normalización das relacións con Croacia e a firma do Acordo de Dayton recibiu un maior apoio internacional. En 1997 S. Milosěvić foi elixido presidente da República Federal de Iugoslavia, que só comprendía as repúblicas de Serbia e Montengro. En 1998 estoupou o conflito étnico-relixioso entre os serbios e os musulmáns de orixe albanesa, que culminou coa ocupación de Kosovo polo exército e grupos paramilitares. As operacións de limpeza étnica suscitaron un éxodo de musulmáns cara a Albania, Macedonia e Montenegro, xunto coa rebelión do Ushtria Clirimtare e Kosovës (UÇK, Exército de Liberación de Kosovo) contra o dominio serbio. A OTAN iniciou unha ofensiva militar en marzo de 1999 que levou á expulsión do exército iugoslavo desta provincia. As eleccións presidenciais, parlamentarias e municipais de setembro de 2000 supuxeron a vitoria da coalición Demokratska Opozicija Srbije (DOS) liderada por Vojislav Koštunica e Zoran Djindjic. S. Milosěvić negouse a recoñecer a súa derrota electoral, pero as masivas manifestacións e protestas populares obrigárono a deixar o goberno e déronlle o poder a V. Koštunica. Este tentou normalizar a situación de Iugoslavia na comunidade internacional e despois da detención de S. Milosěvić, xunto cos seus colaboradores, acusados de corrupción e malversación financeira en abril de 2001, apoiou a extradición do ex-presidente ao Tribunal Internacional da Haia, para ser xulgado por crimes contra a humanidade e xenocidio.
A creación do novo estado de Serbia e Montenegro
Serbia e Montenegro acadaron un acordo en marzo de 2002, coa mediación da UE, polo que se converteron en dous estados semiindependentes, con capacidade para dirixir cada un deles a súa economía e o sistema de aduanas. O acordo foi ratificado polo parlamento iugoslavo o 31 de maio de 2002 e o 4 de febreiro de 2003 aprobouse unha nova Constitución que permitiu a desaparición da República Federal de Iugoslavia e a creación do novo estado de Serbia e Montenegro. O 7 de marzo de 2003 o montenegrino Svetozar Marovič converteuse no presidente do novo estado e tamén en o xefe de goberno. A tensión política en que vive Serbia manifestouse co asasinato do seu primeiro ministro, Zoran Djindjic, o 12 de marzo de 2003. Ademais Kosovo aínda permanece baixo protección internacional. A extradición de persoas acusadas de crimes de guerra para ser xulgadas polo Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia e a orientación cara aos procesos de integracións nas institucións europeas, dividen aos partidos políticos.