sículo-normando -da
(
Aplícase ao estilo arquitectónico desenvolvido en Sicilia e Italia meridional durante os ss XII e XIII, constituído por unha profusa variedade de formas artísticas bizantinas, musulmás, lombardas e normandas. En Campania predominan os elementos musulmáns, bóvedas, arcos de ferradura, peraltados e entrecruzados e decoración exuberante, nas catedrais de Caserta Vecchia (ss XII-XIII) e Amalfi (1266-1268, claustro). Baixo o dominio normando, a arquitectura siciliana incorporou esquemas do románico normando, planta basilical con cruceiro moi remarcado e torres monumentais, formas da arte bizantina, cúpulas sobre pendentes, capiteis, temas iconográficos e ornamentación con mosaicos, e técnicas de orixe musulmá, decoración de pavimentos, muros e bóvedas. Destacan San Giovanni degli Eremiti (1132’), Santa Maria dell’Ammiraglio ou La Martorana (1143?), San Cataldo (anterior a 1161) e a Capella Palatina no Palazzo Reale (1140), todos en Palermo, a catedral de Cefalù (s XII), a catedral de Monreale (1182) e L’Annunziata dei Catalani de Messina.