sida
(< acrónimo de síndrome deinmunodeficiencia adquirida)
Enfermidade infecciosa causada por un ou máis virus, que implica unha profunda alteración da inmunidade celular que favorece a instauración doutras infeccións e enfermidades de prognóstico clínico grave. O axente causante é o retrovirus VIH (Virus da Inmunodeficiencia Humana) que provén, probablemente, de mutacións doutro virus, o STLV-III, que desencadea a sida no mono verde de África, lugar de orixe da síndrome. O virus actúa sobre os linfocitos T4 (cooperadores/indutores) destruíndoos. Identificáronse dúas variantes do VIH: o VIH-1, de extensión universal, e o VIH-2, limitado nos seus inicios a África occidental. Os primeiros casos de sida foron descritos en Los Angeles e Nova York en 1981, e foron crecendo progresivamente nos últimos anos. A incidencia acumulativa da enfermidade a finais de 1991, segundo datos da OMS, era dun total de 446.681 casos declarados en todo o mundo, dos que 10.101 correspondían a España, e destes 3.026 en Galicia (datos da Consellería de Sanidade) que por sexos, afecta sobre todo á poboación masculina. As modalidades de contaxio do virus fóronse modificando co paso do tempo. A escala mundial, incrementouse a transmisión por vía sexual en persoas heterosexuais, que representaba unha escasa porcentaxe de casos nos primeiros anos de evolución da pandemia nos países desenvolvidos. En Europa continúa estabilizada a transmisión do virus causante nos colectivos integrados por usuarios de drogas por vía parenteral e por homes homosexuais, mentres que diminuíu drasticamente o contaxio a través de transfusións de sangue e de hemoderivados, grazas á práctica de probas serolóxicas en todas as doazóns de sangue. Outra modalidade de contaxio que se incrementou, a medida que foi aumentando o número de mulleres infectadas polo VIH, é a de transmisión vertical, de mulleres embarazadas infectadas aos seus fillos. O VIH pode producir diversos cadros clínicos, algúns non identificables coa sida como o cadro do portador asintomático do virus, en que o afectado non padece a enfermidade, pero si que pode transmitila; o cadro de linfadenopatías xeneralizadas persistentes; complexo asociado á sida, en que hai un trastorno inmunitario moderado; e a sida propiamente dita, que implica enfermidades graves, sobre todo de tipo infeccioso e tumoral (sarcoma de Kaposi). O prognóstico da síndrome é grave, xa que a mortalidade é do 50% no transcurso do primeiro ano tras a súa diagnose. Aínda que a mellor terapéutica continúa sendo a prevención con medidas de hixiene sanitaria, persoal e sexual, o tratamento da enfermidade modificouse significativamente coa introdución de fármacos antivirais, como o AZT e a DDT, que actúan impedindo a replicación do VIH, e tamén co uso doutros fármacos antivirais e de medicamentos antibióticos útiles na prevención das infeccións oportunistas e no tratamento das complicacións da enfermidade. Estase a levar a cabo diversas investigacións para a obtención dunha vacina, pero é algo que resulta difícil a causa da grande heteroxeneidade e capacidade mutáxena do VIH.