Siena

Siena

Capital da provincia homónima, en Toscana, Italia (56.518 h [estim 1993]), situada ao pé dos contrafortes meridionais dos Chianti, no altiplano toscano. Colonia romana, foi dominada por lombardos e francos. Foi sé de bispado a finais do s VIII, e desde o s XI o conde franco tivo que compartir o goberno co bispo. A mediados do s XII asumiron o poder uns cónsules (1147) que constituíron o común, recoñecido polo Emperador Federico I en 1186. Os cónsules foron substituídos despois por un podestà (1199) e un consello. A cidade iniciou a súa expansión polos territorios próximos e enfrontouse con Florencia (1207, 1228). Tiña unha economía sólida que se baseaba no comercio e na banca. En 1287 constituíuse un goberno oligárquico güelfo que persistiu ata 1355. As tropas imperiais de Carlos V ocuparon a cidade en 1530 e en 1559 outorgouse aos Medici de Florencia, e desde entón formou parte do gran ducado de Toscana. Durante os ss XIV e XV a cidade mantivo aínda unha notable actividade económica, con grandes banqueiros e mercadores, como os Spannocchi ou os Chigi, e unha intensa vida relixiosa e cultural. Do seu patrimonio cultural destacan a Piazza del Campo co Palazzo Pubblico, a Piazza del Duomo coa catedral (ss XIII-XIV), o baptisterio (s XIV), o hospital de Santa Maria della Scala (s XIII, en parte) e o Museo dell’Opera del Duomo. O centro foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1995).