Sierra Morena
Cordilleira da Península Ibérica que constitúe o contraforte meridional da Meseta e separa esta do val do Guadalquivir. Constitúe un gran chanzo de aproximadamente 600 km, formado por materiais paleozoicos. Trátase dun relevo apalachense con cristas de cuarzo. As principais altitudes son as de Despeñaperros (pico de Estrella 1.300 m), as serras de Madrona (1.323 m) e de Alcudia, a chaira de Los Pedroches, as serras de Los Santos e Aracena, os Picos de Aroche e a serra de Monchique. Separa as concas do Guadalquivir, o Odiel e os ríos do Algarve da do Guadiana. Os afluentes do Guadalquivir fenden a cordilleira coa súa erosión, como tamén o fai o Guadiana en sentido inverso. É unha das comarcas menos poboadas do interior da Península Ibérica debido ao relevo abrupto e á escaseza de solos fértiles. Acolle numerosos parques naturais e a actividade mineira, que noutra época foi unha actividade moi importante, está baseada no chumbo, ferro, cinabrio e carbón.