Silesia

Silesia

Rexión histórica de Europa Central situada entre a vertente NL dos Sudety e a conca superior do Oder, dentro dos límites do estado polaco, excepto unha pequena parte que pertence á República Checa e que forma parte de Moravia Setentrional. Ocupada por tribos eslavas desde os ss V-VI, a finais do s IX formou parte da Gran Moravia, e no s X foi incorporada ao nacente estado polaco. A fragmentación de Polonia a partir da morte de Boleslau III Bocatorta (1086-1138) facilitou a penetración checa e alemá en Silesia, que en 1163 pasou a ser un feudo do Sacro Imperio Romano Xermánico. En 1335 o rei polaco Casimiro III o Grande cedeulla a Bohemia, reino que foi incorporado en 1526 aos dominios dos Habsburgo austríacos. En decembro de 1740 a maior parte da rexión foi conquistada por Federico II de Prusia, mentres que só os ducados de Cieszyn, Opawa e Koniowo continuaron baixo a administración de Viena. Prusia levou a termo en Silesia unha intensa acción xermanizadora, que no s XIX provocou unha viva reacción proeslava con dúas correntes, unha minoritaria que defendía a reconstrución da Gran Moravia medieval, e outra que loitaba por unha nova Polonia independente que incluíse Silesia. As manufacturas téxtiles, a minaría (cinc, carbón, ferro) e a siderurxia foron a base da industrialización do país no s XIX. Os tratados asinados tras a Primeira Guerra Mundial (1919) outorgaron a Silesia austríaca a Checoslovaquia, ratificaron a adscrición da zona de Breslau ou Baixa Silesia a Alemaña, e previron a celebración dun plebiscito na Alta Silesia, que tivo lugar o 20 de marzo de 1921, e polo que a Alta Silesia foi dividida entre Alemaña (zona de Opole) e Polonia (zona de Katowice). En 1939 a Silesia polaca foi ocupada polo Terceiro Reich. Finalizada a Segunda Guerra Mundial, acordouse a integración de Silesia en Polonia, feito que implicou o desprazamento dun importante grupo de poboación de lingua e cultura alemás.