Sinaí, O
Península que une Asia con África e que constitúe un horst triangular delimitado ao N polo Mar Mediterráneo, ao SO polo golfo e o canal de Suez, ao SL polo golfo de ‘Aqaba e ao NL por Israel. Politicamente pertence a Exipto. Está formado ao N por un relevo de costas con chanzos e ao S polo macizo do Monte Sinaí. O subsolo máis rico en recursos mineiros atópase preto do golfo de Suez, e inclúe manganeso e petróleo. Os principais núcleos urbanos atópanse nos oasis de Al-’Ariš e Al- Ṭ ūr. Exipto estableceu entre 2686? a C e ata 1148 a C o seu dominio sobre o centro-oeste da península, onde radicaban as minas de turquesa, que xunto coas de cobre foron explotadas por eles. Coa retirada dos exipcios a finais do Imperio Novo, non se sabe practicamente nada da península ata a época en que os nabateos o incorporaron aos seus dominios (150 a C-106 d C). Vencidos polos romanos, a península entrou a formar parte da provincia de Arabia. A tradición xudía e cristiá situou en Sinaí a etapa do éxodo dos hebreos, aínda que obxectivamente non se pode identificar ningún dos seus acontecementos, e nin sequera se pode atopar a montaña sagrada onde Moisés recibiu a Lei. Durante a época bizantina (395-642), Xustiniano levantou o mosteiro de Santa Catarina do Sinaí. Ocupada polos árabes no s VII, foi incorporada en 1517 ao Imperio Otomán. A partir de 1813 pasou a formar parte de Exipto como resultado da vitoria de Ibrāhīm Paxá sobre os turcos en Acre. Nas Guerras Árabe-israelís foi ocupado dúas veces por Israel, momentaneamente en 1956 e dun xeito estable en 1967. Os Acordos de Camp David (17 de setembro de 1978) estableceron a restitución por etapas a Exipto, realizada entre 1979 e 1982.