Sistina, Capela
Capela de planta rectangular que forma parte do conxunto de San Pedro do Vaticano. Construída en 1474 polo arquitecto florentino Giovannino de Dolci por encargo do Papa Sisto IV, destinouse á celebración dos conclaves. A decoración das paredes (falsas cortinas, historias de Moisés e de Xesús Cristo, retratos de pontífices, etc) foille encomendada aos pintores máis sobranceiros do Catrocentos toscano e de Umbría: Botticelli, Ghirlandaio, Pinturichio ou Perugino, que realizaron os frescos entre 1481 e 1482. Sobre a bóveda, Pier Matteo d’Amelia pintou un ceo con estrelas. En 1483 Sisto IV consagrouna e adicouna á Asunción da Virxe. Baixo o papado de Xulio II (1503-1513) foi redecorada por Miguel Anxo. Entre 1508 e 1512, pintou a bóveda -en cuxos nove recadros centrais representou a Xénese, -desde a Creación ata a caída do home-, o Diluvio e o novo renacer da humanidade coa familia de Noé e entre 1534 e 1541 pintou o muro da cabeceira en que destaca a representación do Xuízo Final.