Skopje ou Skoplje

Skopje ou Skoplje

Capital da República de Macedonia (440.577 h [1994]). Situada sobre un socalco do alto Vardar, é un nó de comunicacións e un centro comercial moi desenvolvido ao longo do s XX. Reconstruíuse despois do terremoto de 1963. De orixe iliria, foi capital (Scupi) da provincia romana de Dardania. En 518 foi destruída por un terremoto e Xustiniano refíxoa (Iustiniana prima). Nela establecéronse os eslavos (s VII), formou parte do Reino de Serbia (s XIII) e caeu baixo o dominio turco (1395-1912). Atribuída a Serbia (1912-1913), foi ocupada polos búlgaros (1915) e, finalmente, formou parte de Iugoslavia (1918). Destacan o acueduto de Xustiniano e o castelo de Dušanovgrad.