Slesvig

Slesvig

Rexión do N de Alemaña, situada no sector meridional da península de Xutlandia, prolongación da chaira alemá, entre o mar do Norte e o Báltico. É unha rexión agrícola e gandeira, onde Flensburg é o centro máis importante. O territorio foi ocupado polos daneses, anglos e xutos. Ameazados por Carlomagno, construíron o Dannevirke, un muro de terra que unía a desembocadura do Sli coa do Eider, e reforzárono ao L co porto fortificado de Haithabu (Slesvig). O Emperador Enrique I obrigou ao príncipe de Slesvig a aceptar a cristianización do seu país e constituíu unha marca xermánica entre o Sli e o Eider, pero o Emperador Conrado II abandonouna aos daneses (1030) e en 1115 converteuse en ducado. Ao extinguirse a primeira dinastía ducal de Slesvig (1375), o conde Enrique II de Holstein de Rendsburg incorporou o ducado aos seus dominios. Cando se extinguiu (1460) a dinastía Holstein, os estados provinciais elixiron duque o Rei Cristián I de Dinamarca, coa condición de que ambos os dous territorios (Slesvig e Holstein) non fosen separados. Estes territorios convertéronse, en 1946, no land de Slesvig-Holstein da República Federal de Alemaña.