Sobrado, mestre de

Sobrado, mestre de

Escultor. Discípulo de Juan de Juni, traballou co obradoiro deste no coro de San Marcos de León. Cara á década de 1540 foi reclamado polos monxes de Santa María de Sobrado dos Monxes para facer (1545-1550) o retablo maior da igrexa do mosteiro, do que destacan os altorrelevos do Nacemento da Virxe, a Adoración dos Pastores e a Lamentación sobre Cristo morto, aos que dotou dunha gran naturalidade, conseguida a través dunha rica policromía e de varios planos de profundidade. Posteriormente instalouse en Ourense, co seu propio obradoiro. Para a catedral e por encargo do arcediago Alonso González de la Morera, realizou o retablo da Quinta Angustia, -tamén coñecido como o altar da misa de alba-, en que representou novamente a Lamentación sobre Cristo morto, esta vez formulado cun maior grao de dramatismo e que rematou coa imaxe dun san Bieito no corpo superior. O retablo culminouse en 1565, sendo dourado e policromado por Juan Tomás Celma. Tamén na diocese de Ourense, realizou un Cristo da humildade para a igrexa parroquial de Santa Marta de Velle. Da súa autoría tamén destaca o Cristo atado á columna, conservado no Museo Catedralicio de Ourense.