socialdemocracia

socialdemocracia

(

s f [HIST/POLÍT]

Movemento socialista caracterizado pola renuncia ao marxismo, a aceptación das institucións liberal-democráticas e unha práctica política de tipo moderado. Desde finais do s XIX ata a Primeira Guerra Mundial fai referencia aos partidos políticos de inspiración marxista, sobre todo en Alemaña, países escandinavos e Rusia. A primeira tendencia revisionista do marxismo, protagonizada por E. Bernstein, rexeitaba a ditadura do proletariado e preconizaba unha transformación lenta do sistema capitalista, que se convertería en socialista mediante un proceso de reformas graduais e sucesivas, conseguidas a través da loita parlamentaria, en que os socialistas habían de buscar a alianza dos partidos burgueses da esquerda. As tendencias revisionistas penetraron profundamente na práctica política de diversos partidos socialistas, como o Sozialdemokratische Partei Deutschlands, o Partido Socialdemócrata Danés, o Partido do Traballo de Noruega e o Partido Socialdemócrata Sueco. O Labour Party británico adoptou esta orientación desde os seus inicios. O socialismo accedeu ao poder nos países escandinavos e puido aplicar o seu programa socialdemócrata de reformas sociais, que conduciu á sociedade do benestar. Tras a Segunda Guerra Mundial, no marco da Guerra Fría, as tendencias socialdemócratas tomaron un forte impulso no socialismo europeo.