socialismo
(< social)
-
s
m
[POLÍT/ECON]
Conxunto de doutrinas que, en oposición ao individualismo, propugnan unha reforma radical da organización da sociedade para a supresión das clases sociais mediante a colectivización dos medios de produción, de cambio e de distribución. No s XIX, o socialismo utópico desenvolveuse en Francia e Reino Unido. Coa difusión das teorías de K. Marx e F. Engels apareceu o socialismo científico. Marx e Engels subliñaron a importancia capital do antagonismo entre burguesía e proletariado dentro da nova sociedade industrial contemporánea, e afirmaron que só o proletariado podía pór fin á anarquía da produción ao apoderarse do estado moderno, instrumento en mans da burguesía, e ao abolir o modo de produción capitalista e as relacións de propiedades burguesas. O socialismo marxista obtivo unha primeira plataforma organizadora en 1864 coa fundación da Asociación Internacional de Traballadores (AIT) ou Primeira Internacional. Ao comezo do s XX e, a medida que parecía afastarse da perspectiva dun inminente afundimento capitalista, xurdiu no seo do movemento socialista a crise do revisionismo. Segundo E. Bernstein, o sistema capitalista demostrara a súa capacidade para superar as crises e, as previsións formuladas por Marx sobre a intensificación da loita de clases, o empeoramento das condicións de vida do proletariado ou a desaparición das clases medias. Como consecuencia, o socialismo debía renunciar á revolución e adoptar decididamente unha liña reformista e parlamentaria, buscando a colaboración coas esquerdas non proletarias para conseguir, desde dentro e pola vía legal, a modificación do capitalismo. Xurdiu así a socialdemocracia. Fronte ao revisionismo, xurdiron, dentro dalgúns partidos da esquerda socialista, grupos revolucionarios que aplicaron a análise marxista ao moderno desenvolvemento do capitalismo e intentaron a formulación dunha nova teoría revolucionaria, como Rosa Luxemburg e Lenin (marxismo-leninismo). A Primeira Guerra Mundial provocou o colapso do socialismo europeo. Este fracaso da socialdemocracia favoreceu o papel dos pequenos grupos socialistas revolucionarios, que chamaron ao proletariado europeo a transformar a guerra en revolución continental. Os acontecementos de Rusia en 1917 permitiron a formación do primeiro estado socialista do mundo, expresión política da ditadura do proletariado, e déronlle un papel reitor dentro do movemento revolucionario mundial. A actitude reticente da socialdemocracia contra o novo réxime ruso e a súa oposición teórica e práctica á extensión do movemento revolucionario precipitaron a ruptura entre comunistas e reformistas. O II Congreso do Komintern (1920) estableceu as vinte e unha condicións de adhesión, que implicaban a escisión comunista de todos os partidos e sindicatos socialistas do mundo, e rexeitou calquera cooperación cos socialpatriotas e as clases medias. Ao redor de 1923, a socialdemocracia, autora dos éxitos sociais reformistas dos anos 1918-1923, recobrou o control maioritario do movemento obreiro. A crise de 1929 e o subseguinte crecemento do fascismo sorprenderon os partidos socialistas que foron incapaces de proporcionar un liderado eficaz nas sociedades democráticas e limitáronse a dar un apoio tímido aos gobernos burgueses. Despois de Segunda Guerra Mundial, nos estados de Europa oriental produciuse a absorción dos partidos socialistas polos partidos comunistas no marco das novas democracias populares. En Europa Occidental, a ofensiva capitalista e a Guerra Fría determinaron, desde 1947, o illamento dos comunistas, mentres que dentro do socialismo se impuxo a corrente reformista. As cinco grandes características comúns a case todos os partidos socialistas do mundo capitalista desde a segunda metade do s XX son: o abandono dos métodos revolucionarios e violentos para a conquista do poder e a plena aceptación dos métodos parlamentarios; a transformación dos partidos socialistas e laboristas de organizacións exclusivas da clase obreira en partidos do pobo ou das clases populares; o recoñecemento de que a definición do socialismo como un ideal social e económico é inseparable da democracia; o rexeitamento da idea da nacionalización dos medios de produción como primeiro principio; e a absoluta oposición ao totalitarismo. En España, núcleos marxistas expulsados da Federación Regional Española da AIT fundaron en 1879 o Partido Socialista Obrero Español (PSOE). O primeiro deputado socialista foi Paulo Iglesias Posse (1910). Durante a Segunda República (1931-1936) o socialismo participou no goberno provisional (1931) e no de M. Azaña (1931-1933), e durante a Guerra Civil (1936-1939) os socialistas F. Largo Caballero e J. Negrín López presidiron cadanseu goberno de coalición. Durante o Franquismo mantívose na clandestinidade e coa chegada da democracia converteuse en 1977 na segunda forza estatal. Gobernou con Felipe González (1982-1996) e volveu ao poder en 2004 con J. L. Rodríguez Zapatero.
O socialismo en Galicia
O primeiro núcleo socialista en Galicia implantouse en Ferrol en febreiro de 1891, seguido das agrupacións socialistas da Coruña, en xullo dese ano, e Santiago de Compostela en setembro. A agrupación viguesa constituíuse en 1894, pouco despois do mitin de Paulo Iglesias, e posteriormente establecéronse novos núcleos en Pontevedra, Betanzos, Ourense, Noia e Viveiro. O activismo socialista deu os seus primeiros froitos co nacemento dun dos órganos do socialismo en Galicia, o semanario Solidaridad (1899). A expansión do socialismo galego nos primeiros anos do s XX estivo liderada pola agrupación viguesa e o seu líder Heraclio Botana, presidiu o I Congreso Socialista de Galicia (Vigo, 1904). Os socialistas aliáronse cos republicanos desde comezos do s XX e participaron nos concellos de Vigo, Pontevedra e A Coruña (1913). Na década de 1920 o PSOE consolidouse no ámbito urbano, ao redor das Rías Baixas e na comarca de Ferrol, mentres que no interior destacaba a súa presenza en Monforte de Lemos e Ourense. Nas eleccións parlamentarias de xuño de 1931 o PSOE obtivo 3 deputados pola provincia da Coruña, 4 por Pontevedra e 1 por Ourense. Na primavera de 1933 iniciouse un proceso de radicalización do socialismo galego froito da depresión económica xeral, a oposición do republicanismo conservador ás reformas laborais, a dureza dos conflitos laborais e a represión gobernamental contra o movemento obreiro. Tras a perda da súa representación parlamentaria nas eleccións de novembro de 1933 tivo que aturar a represión gobernamental despois da folga xeral de decembro dese ano. A política antiobreira do goberno republicano xerou un clima de insurxencia e forzou á súa participación na Revolución de Outubro de 1934. A posterior represión desestruturou o partido, pero cara a finais de 1935 os socialistas galegos confluíron na Fronte Popular e despois das eleccións de febreiro de 1936 acadou seis deputados (3 pola Coruña e 3 por Pontevedra). A Guerra Civil e a posterior represión franquista supuxeron a desaparición de calquera representación socialista, que non participou na organización de frontes en fábricas ou universidades. En 1963 creouse na Coruña o Partido Socialista Galego (PSG) cun ideario marxista, federalista, socialista e democrático. Na década de 1970 reestableceuse un Comité Rexional do PSOE en Galicia presidido por Modesto Seara. Desde as eleccións de 1977 obtivo representación no Congreso de los Diputados e no Senado. En 1978 un colectivo do PSG integrouse no PSOE e formou o PSdG-PSOE e outro sector formou con Esquerda Galega o PSG-EG en 1982. Con representación parlamentaria desde as primeiras eleccións autonómicas (1981), o PSGdG acedeu á presidencia da Xunta de Galicia con F. González Laxe (1987-1989) e en 2005 con E. Pérez Touriño. -
socialismo científico
Fase transitoria do socialismo desenvolvida por K. Marx e F. Engels, unha vez superado o socialismo utópico que pretendía, partindo da análise dos mecanismos económicos que rexían as sociedades e dunha visión científica da historia, transformar a realidade e acelerar o triunfo inelutable do socialismo.
-
socialismo utópico
Fase inicial da evolución do pensamento e da acción socialistas, caracterizada pola crítica das estruturas e relacións sociais vixentes, e a descrición teórica dun futuro sistema social perfecto, harmónico e baseado na igualdade de todos os homes. Desenvolveuse ao longo do s XIX como reacción contra as consecuencias máis brutais para a clase obreira do individualismo político e do liberalismo económico. En Francia Saint-Simon, foi o apoloxista da nova sociedade industrial e o teórico da planificación económico-social; E. Cabet propugnou un comunismo pacifista, e L. Blanc, P. J. Proudhon, P. J. Buchez e L. A. Blanqui fixeron a crítica do industrialismo desde posicións reformistas ou revolucionarias. En Reino Unido o seu representante foi R. Owen.