Sociedad Española de Construción Naval
Empresa constituída en 1908 dedicada á construción naval. Coñecida como La Naval, as súas orixes están nunha normativa para a reconstrución e modernización da armada española do 7 de xaneiro de 1908 pola que o goberno lle adxudicou o concurso para realizar o Plan de Escuadra Ferrándiz. A sociedade estaba formada maioritariamente por capital español, pero cunha importante presenza británica que representaba o 40% do capital. En xuño de 1909 produciuse o arrendo dos arsenais e estaleiros de Ferrol e Cartagena á empresa construtora. Durante o primeiro terzo do s XX monopolizou a construción naval en España, inspirada en buques da Royal Navy. Despois dun período de expansión e prosperidade, a Primeira Guerra Mundial supuxo un colapso na construción naval, que se recuperou na década de 1920 ata a crise de 1929. Na Segunda República atravesou dificultades económicas. Despois da Guerra Civil, en 1947 creouse, a partir dela, a Empresa Nacional Bazán de Construciones Navales Militares SA.