sociedade

sociedade

(< lat societāte)

    1. s f [SOCIOL]

      Reunión permanente, baseada nunha relación estable, dos membros que integran o máis amplo grupo social. É recoñecida como anterior a cada un dos individuos e grupos que a integran e baséase na súa vontade implícita de vivir en común para posibilitar o cumprimento de diversos obxectivos fundamentais. Son todos os grupos que integran a sociedade global os que determinan a estrutura xeral, en virtude da que son asignados aos seus membros diversos lugares ou normas de actuación. A organización clave da sociedade é a política que ten como obxectivo a mesma vida en común.

    2. sociedade conxugal [DER]

      Relación estable, socialmente lexitimada como matrimonio ou simplemente recoñecida, entre dúas ou máis persoas.

    3. sociedade postindustrial [ECON]

      Estadio do desenvolvemento económico en que os elementos produtivos derivados do saber, o sector cuaternario, e as grandes organizacións politicoeconómicas que marcan as orientacións globais e condicionan o crecemento.

    4. sociedade sen clases [SOCIOL]

      Estadio do desenvolvemento da sociedade en que desaparecen as diferenzas entre os homes debidas á estrutura socioeconómica capitalista. A idea da sociedade sen clases é tamén propia do capitalismo, aínda que este concibe as clases dunha maneira diferente.

    5. sociedade de consumo [SOCIOL]

      Estado e etapa do desenvolvemento capitalista da sociedade, baseado na creación de necesidades fiticias por superar a saturación da produción.

    1. s f

      Conxunto de persoas reunidas de xeito oficial e estable para perseguir un fin común segundo certas condicións ou regras.

    2. sociedade bíblica [RELIX]

      Institución protestante fundada en 1804 en Londres, baixo a denominación de British and Foreing Bible Society. En 1946 constituíuse a federación de todas as sociedades bíblicas nacionais, baixo a denominación de United Bible Societies. O seu obxectivo é axudar a traducir os textos bíblicos, revisalos e facilitar a súa distribución.

    3. sociedade de autores [DER]

      Asociación de autores literarios, científicos, musicais ou doutro tipo, que ten por obxecto defender os seus dereitos. En España creouse en 1908 e forma parte da Confederación Internacional das Sociedades de Autores e Compositores, con sede en París.

    4. sociedade de instrución [EDUC]

      Agrupación de emigrantes galegos transoceánicos que promoveu, no primeiro terzo do s XX, a educación e a cultura nas súas localidades de orixe, mediante a dotación e fundación de establecementos educativos. Xa no ano 1887, en Cuba, se rexistrou un precedente das sociedades de instrución ao intentar fundar a primeira sociedade integrada por emigrantes do Valadouro (Lugo), co obxectivo explícito de fomentar a agricultura e o progreso industrial na súa zona de orixe. A intervención escolar dos emigrantes galegos de América nas súas localidades de procedencia xa se iniciou a comezos do s XVIII. Aínda que nun principio esta intervención se debeu fundamentalmente á iniciativa particular de emigrantes con éxito (ss XVIII-XIX), materializándose en fundacións docentes, posteriormente, no s XX, predominaron as iniciativas colectivas, concretadas nas sociedades de instrución e nas escolas de emigrantes. O factor fundamental da aparición destas sociedades e da súa intervención no sector educativo foi o estado deficitario do ensino público de Galicia -especialmente no mundo rural- durante as primeiras décadas do s XX. O seu obxectivo fundamental era democratizar a escola (universalizar o ensino básico), facéndoa accesible especialmente aos nenos das familias máis humildes e exercendo unha función supletoria ou de reforzo con respecto ao labor das escolas públicas do estado. A escola debía facilitarlle ao alumno a adquisición de coñecementos, habilidades e destrezas que lle fosen de proveito alí onde se tivese que desenvolver. As modalidades de intervención escolar dos emigrantes foron moi variadas: construción de edificios de nova planta ou arrendamento de locais preexistentes, xestión directa da escola por medio dunha delegación local -incluíndo o financiamento completo- ou entrega ao estado dos centros previamente dotados de infraestruturas, a fin de que a administración local se fixera cargo da remuneración dos mestres. Tamén se daba o caso da doazón de material pedagóxico ou de achegas económicas a un colexio público. Pedagoxicamente as sociedades de instrución buscaron os seus referentes teóricos no rexeneracionismo (sobre todo en J. Costa, Rafael Altamira, Adolfo Posada, Giner de los Ríos e Concepción Arenal) e nas correntes pedagóxicas modernas (sobre todo Fröbel e Pestalozzi). Así mesmo tamén se incorporaron algúns elementos ideolóxicos procedentes do galeguismo, a través de M. Murguía, Waldo Álvarez Insua e Curros Enríquez. Alonso Ríos foi un dos principais elaboradores do pensamento e da metodoloxía pedagóxica das sociedades de instrución, e Ignacio Ares de Parga o principal mentor intelectual; a eles cómpre engadir tamén os nomes de Mercedes Vieito Bouza, Federico Maciñeira, Leandro Pita Sánchez--Boado, Fortunato Cruces e Xulio Carballo Enríquez. Os principios pedagóxicos sobre os que basearon o seu labor educativo foron o paidocentrismo (o alumno adquire o rol de suxeito activo), a práctica dunha pedagoxía activa, integral e intuitiva, dentro dun contexto infraestrutural adecuado ás normas hixiénico-sanitarias e ás necesidades psicolóxicas dos educandos. A neutralidade político-relixiosa e o laicismo foron tamén características destacadas. Este tipo de escola aberta, adogmática e tolerante foi rapidamente denunciada e perseguida polos sectores eclesiásticos e caciquís dos lugares onde estaban instaladas. Esta oposición provocou un clima de belixerancia que fixo difícil o funcionamento de moitas escolas, especialmente durante a Segunda República. O período cronolóxico de actuación das sociedades de instrución abarca desde 1904 ata 1936. A primeira sociedade de instrución coñecida foi a Sociedad Alianza Aresana de Instrución de La Habana, fundada en marzo de 1904 por emigrantes aresáns de Cuba, México e EE UU; tamén en 1904 xurdiu en Bos Aires La Concordia, sociedade promovida polos naturais de Fornelos (Salvaterra). A partir deste momento e ata 1936 a fundación destas sociedades multiplicouse, sobre todo, en Bos Aires, La Habana e Montevideo, cun período de máxima intensidade entre 1907 e 1925. En xaneiro de 1905 formalizouse a fundación da Unión Hispano Americana pro Valle Miñor en Bos Aires, integrada por emigrantes de Nigrán, Baiona e Gondomar. Esta foi unha organización pioneira e paradigmática, debido á amplitude das súas actividades (dispoñía de imprenta propia e de sección de agricultura e comercio, proporcionando ademais estudos elementais de xeografía e historia arxentinas). Nas escolas desta sociedade conxugábase o ensino primario coa formación preprofesional, proporcionando unha certa especialización nas ramas mercantil e agraria mentres os nenos podían aprender oficios variados (carpintaría, zapataría, imprenta, mecanografía e fotografía; as nenas, costura e bordado). A organización escolar dos emigrados do Val Miñor tamén dispoñía de cantina, transporte escolar, biblioteca, clases nocturnas para mozos e adultos e dun boletín mensual gratuíto. No que atinxe á implantación xeográfica das sociedades de instrución, arredor do 90% delas estaban domiciliadas en Arxentina e Cuba, distribuíndose as restantes fundamentalmente entre Uruguay, EE UU e Brasil. A implantación das escolas de emigrantes foi moi débil na provincia de Ourense, pero elevada nas de Lugo e A Coruña, quedando Pontevedra en terceiro lugar. Dentro de cada provincia destacan algunhas zonas, xeralmente situadas ao norte de cada unha delas: Ortigueira, Pontedeume e Betanzos; Vilalba, Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro; Lalín, Silleda, Bandeira, A Estrada e Caldas de Reis. A estas habería que engadirlles Teo, Negreira e Arzúa (A Coruña) e o Val Miñor (Pontevedra), situadas máis ao sur. A pesar de que as sociedades de instrución intentaron agruparse en federacións, este movemento federativo foi feble e inconsistente, e cada corporación procedeu de maneira autónoma. A primeira federación comarcal que se instituíu foi Residentes de Teo en Sud-América (1909), despois veu a Federación de Sociedades de Instrución de Ortigueira (1922-1926), o Comité Federativo Villalbés (1925), etc. Nun nivel superior constituíronse, en Bos Aires, entre outras, a Unión Provincial Residentes de Pontevedra, a Federación de Sociedades Agrarias e Instrutivas de la Provincia de La Coruña, a Federación de Sociedades de la Provincia de Lugo e a Unión Provincial Orensana; e, en La Habana, a Unión Lucense e a Unión Orensana. En 1909 creouse o Comité Representativo de las Sociedades Gallegas de Instrución de La Habana e a Federación Galaica (1912); en Bos Aires constituíuse a primeira Federación de Sociedades Gallegas (1910, pero disolta en 1911) e ata 1921 non se materializou a Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales en la República Argentina.

    5. sociedade económica de amigos do país / [ECON/HIST]

      Institución cultural creada en diferentes rexións españolas durante o último terzo do s XVIII. Durante moito tempo, considerábase que foran unha manifestación dos núcleos burgueses, posteriormente crese que estiveron relacionadas coa aristocracia e co clero ilustrado. Tiveron como orixe as reunións semanais dos Caballeritos de Azcoitia, que en 1764 estableceron dunha maneira formal unha Sociedad Económica Vascongada de Amigos del País. O éxito acadado impulsou ao fiscal do Consello de Castela, Pedro Rodríguez de Campomanes, a propoñer a formación de sociedades semellantes en toda España. En Galicia creáronse en Lugo (1873) e Santiago de Compostela (1874).

    6. sociedade patriótica [HIST]

      Tipo de sociedade que xurdiu en España despois do triunfo da Constitución de 1820 e que tivo un papel determinante na formación das milicias nacionais.

    7. sociedade secreta

      Asociación caracterizada por unha iniciación secreta ou por outros rituais, polo uso de insignias, símbolos ou outros signos de recoñecemento, e a miúdo por uns costumes e unha linguaxe particulares. Os primeiros testemuños históricos están en relación cos cultos orientais, coas relixións de misterios do antigo Exipto, de Grecia e de Roma e con certas escolas filosóficas, como o pitagorismo ou o neoplatonismo. O segredo foi tamén característico do primitivo cristianismo, e foi adoptado por diversos grupos heréticos, como o maniqueísmo e algúns grupos gnósticos. As corporacións e confrarías medievais adoptaron o segredo como medida protectora da súa economía; entre elas a dos free-masons. Os grupos revolucionarios sempre se organizaron secretamente, algúns destes grupos convertéronse, polo seu fanatismo, en verdadeiros sindicatos do crime, como a mafia ou o Ku Klux Klan. Moitas das sociedades secretas, sobre todo en EE UU, foron creadas inicialmente con fins sociais, benéficos ou educativos. OBS: Tamén se denomina seita.

  1. s f

    Conxunto de persoas que forman parte da clase social elevada e distinguida.

  2. [ECON/DER]
    1. s f

      Contrato polo que dúas o máis persoas físicas ou xurídicas se obrigan a poñer en común, diñeiro, bens ou industria co fin de levar a termo unha actividade económica con obxecto de lucro. Poden ser sociedades civís, cando os seus integrantes de dividen as ganancias de maneira proporcional e as súas respectivas prestacións, e sociedades mercantís, cando se reparten os beneficios en función da participación na mesma.

    2. sociedade anónima [SA]

      Sociedade mercantil cuxo capital responde a unha achega dos socios. Atópase dividido en accións que son trasmitibles. Os titulares das mesmas teñen a condición de socios. A súa responsabilidade limítase ao capital que ofreceron, todos teñen os mesmos dereitos, en proporción ás accións que posúen  e exercen o poder de dirección por medio da súa intervención nos órganos de xestión da sociedade: a xunta xeral de accionistas e o consello da administración.

    3. sociedade colectiva

      Sociedade mercantil de carácter personalista cuxos socios responden persoal, subsidiaria e solidariamente e dunha maneira ilimitada das débedas sociais.

    4. sociedade comandataria/en comandita

      comandita.

    5. sociedade de capital risco

      Sociedade constituída por achegas de investidores con destino a negocios novos ou actividades en desenvolvemento. O seu obxectivo é axudar a empresas na súa primeira etapa de desenvolvemento e antes de que realicen unha emisión pública de accións.

    6. sociedade de carteira

      Sociedade anónima que ten por obxecto a compra e venda de valores mobiliarios doutras sociedades como forma de investimento e sen pretender exercer ningún control sobre a empresa que se compra.

    7. sociedade de garantía recíproca

      Sociedade mercantil constituída por empresarios cuns límites legais de capital e cota de participación dos socios, coa finalidade de garantir as operacións de xiro e tráfico das empresas das que son socios os titulares, mediante aval ou calquera outro dos procedementos admitidos polo dereito.

    8. sociedade limitada [SL]

      Sociedade mercantil en que a responsabilidade dos socios está limitada á súa participación e o capital está representado por participacións.

  3. [BIOL]
    1. s f

      Comunidade natural que está definida pola presenza nun biótopo dun certo número de especies que poden ou non interactuar entre eles, pero que condicionan moi estritamente aquel biótopo.

    2. sociedade animal

      Grupo de animais dunha mesma especie que viven en grupos máis ou menos numerosos e moi organizados, para procrear, alimentarse ou defenderse. Os exemplos máis típicos son as sociedades de formigas, abellas e chimpancés.

  4. s f [BOT/XEOL]

    Unidade inferior de vexetación, que segundo os xeobotánicos estadounidenses, está diferenciada pola preponderancia local dunha ou máis especies subdominantes, é dicir, por especies de forma vexetativa diferente da que é propia das dominantes rexionais.

Refráns

  • Non deixes a comunidá, que non che pesará.
  • Non naceches para ti soilo; outro para ti e ti para outro.
  • Ola de moitos nunca ben coceo
  • Quen comunidade desexa, convén que común sexa.