sodio

sodio

(< lat científico sodium

  1. s m [QUÍM]

    Elemento químico, de número atómico 11 e peso atómico 22,9898, que pertence ao grupo IA da táboa periódica. É o máis abundante dos metais alcalinos e foi descuberto por H. Davy no ano 1807, ao estudar a electrólise do hidróxido sódico. É o sexto, por orde de abundancia, dos elementos presentes na codia terrestre, da que constitúe o 2,6% en peso. Abunda tamén no Sol e nas estrelas, onde foi detectado espectroscopicamente mediante a raia D do seu espectro. É un elemento monoisotópico, e coñécense tamén seis radioisótopos artificiais, con masas que van desde 20 ata 26, dos que o 24 Na, cunha vida media de 15 horas, ten aplicación como trazador. O sodio está moi difundido na natureza e o seu mineral máis importante é o cloruro sódico de orixe mariña ou o localizado en depósitos terrestres provenientes da desecación de antigas zonas acuáticas. A súa preparación en forma metálica realízase por electrólise do hidróxido sódico. O metal é moi brando e de cor branca de prata, pero altérase rapidamente en contacto co aire, feito polo que se debe almacenar somerxido nun aceite mineral. Forma aliaxes cos outros metais alcalinos -teñen unha grande importancia as aliaxes que forma co potasio e co chumbo- e amalgámase con facilidade. Reacciona violentamente coa auga (a miúdo con ignición), con liberación de hidróxeno e formación do hidróxido. (Na + H 2 O D NaOH + 1/2H 2 ↑). Combínase directamente co osíxeno, con formación de catro óxidos (Na 2 O, Na 2 O 2 , NaO 2 e NaO 3 ) e coa maioría dos non metais (halóxenos e calcóxenos). O seu forte carácter electropositivo confírelle propiedades redutoras (libera a maioría dos metais das súas combinacións). En canto ás aplicacións, cómpre salientar polo que se refire ao elemento, o uso como fluído cambiador de calor, como condutor eléctrico, en iluminación, en metalurxia, na preparación do peróxido (Na 2 O 2 ), do cianuro de sodio (NaCN) e do hidruro de sodio (NaH), moi empregado como decapante de metais e en síntese orgánica. Aliado co potasio, emprégase como cambiador de calor, co chumbo, na preparación de derivados alquílicos deste elemento e, amalgamado, na preparación do hidróxido sódico (NaOH). Bioloxicamente é esencial e cómpre inxerir un mínimo de 8 g/día.

  2. acetato de sodio [QUÍM]

    Sólido en forma de cristais incoloros, eflorescentes, solubles en auga, que se funden a 324°C. Emprégase como mordente, deshidratante, conservador para a carne e amortecedor do pH en alimentos.

  3. amiduro de sodio [QUÍM]

    Sólido en forma de pos cristalinos brancos de olor a amoníaco, que se funden a 210°C. Emprégase na síntese do cianuro de sodio e como base en síntese orgánica.

    Sinónimos: sodamida.
  4. carbonato de sodio [QUÍM]

    Sólido en forma de pos brancos, higroscópicos, solubles na auga, que se funden a 851°C. Obtense principalmente mediante o proceso Solvay. Atopa aplicación na industria do vidro, da cerámica e do papel, na refinación do petróleo e na preparación doutros sales sódicos. Forma un decahidrato, coñecido como sal sosa, ou sosa, que se emprega como deterxente.

  5. clorato de sodio [QUÍM]

    Sólido en forma de cristais incoloros de gusto salino, solubles en auga e en alcohol, que se funden a 255°C. Ten carácter oxidante e atopa aplicación como branqueador na industria do papel, como herbicida e defoliante, na industria da pirotecnia e na dos explosivos.

  6. cloruro de sodio [QUÍM]

    Sólido en forma de cristais incoloros, lixeiramente higroscópicos, solubles en auga e pouco solubles en alcohol, que forman o sal común. Atopa numerosas aplicacións, entre as que cómpre salientar a obtención do carbonato sódico mediante o proceso Solvay, do ácido clorhídrico, do cloro e do sodio metálico na industria do vidro, en metalurxia, como axente de salgadura, como conservador e condimento alimentario, na preparación de mesturas frigoríficas e como axente rexenerador das resinas de intercambio iónico.

  7. dicromato de sodio [QUÍM]

    Sólido en forma de cristais vermellos moi solubles en auga, que se funden a 1.357°C. Emprégase como oxidante, inhibidor da corrosión, na preparación de pigmentos e como produto de partida para outros compostos do cromo.

  8. hidroxenocarbonato de sodio [QUÍM]

    Sólido en forma de pos brancos de gusto lixeiramente alcalino, solubles en auga (coa que dan solucións debilmente básicas), que se descompoñen a 270°C. Emprégase na preparación de sales e bebidas efervescentes, como fermento artificial, en medicina e como compoñente para extintores. OBS: Tamén se denomina bicarbonato sódico ou bicarbonato.

  9. hidroxenofosfato de sodio [QUÍM]

    Sólido en forma de pos brancos, solubles en auga, higroscópicos, que se emprega como fertilizante, na industria téxtil, no tratamento da auga e na preparación de solucións amortecedoras.

  10. hidróxido de sodio [QUÍM]

    Base forte, de grande importancia económica, que se presenta comercialmente en forma de pezas pequenas (escamas ou lentellas). É altamente higroscópico e carbonátase rapidamente no aire. Atopa moi diferentes aplicacións, entre as que cómpre mencionar a preparación doutras substancias en varios procesos de refinamento, na rexeneración de resinas intercambiadoras de ións e na metalurxia de aluminio. OBS: Tamén se denomina sosa cáustica.

  11. nitrato de sodio [QUÍM]

    Sólido en forma de cristais incoloros, solubles en auga e en glicerol e pouco solubles en alcohol, que se funden a 308°C. Ten aplicación como oxidante, fertilizante, na industria do vidro e na da cerámica, en medicina e como axente conservador.

  12. nitrito de sodio [QUÍM]

    Sólido en forma de cristais amarelados, solubles en auga, que se oxidan na auga e se funden a 271°C. Atopa unha grande aplicación en síntese orgánica, principalmente descolorantes, como fonte de ácido nitroso. Emprégase tamén na vulcanización do caucho, en fotografía, en medicina e, en metalurxia, como inhibidor da corrosión e como axente limpador.

  13. peróxido de sodio [QUÍM]

    Sólido en forma de pos amarelados altamente oxidantes, que se hidratan e carbonatan rapidamente ao aire. Atopa aplicación como branqueante nas industrias de papel, téxtil e aceiteira, como desinfectante, na purificación da auga, na xeración de osíxeno e no procesamento de minerais.

  14. silicato de sodio [QUÍM]

    Denominación xenérica dos materiais formados mediante a fusión de sílice con carbonato sódico, que poden representarse como (Na 2 O)×(SiO 2 ) 4 , cunha proporción variable de auga. Atopa aplicación na preparación de xeles de sílice, xabóns e deterxentes, adhesivos, como impermeabilizante para cementos e madeira e no branqueo de papel e fibras téxtiles.

  15. sulfato de sodio [QUÍM]

    Sólido en forma de pos cristalinos brancos, de gusto salino, solubles en auga, que se funden a 888°C. Atopa aplicación como axente sinérxico de deterxentes, na industria do vidro e na do papel, na preparación de mesturas frigoríficas e como axente desecante.

  16. sulfito de sodio [QUÍM]

    Sólido en forma de cristais incoloros, solubles en auga, que se emprega como redutor, conservador, antioxidante e axente branqueante suave, e tamén en fotografía, gravado e litografía.

  17. sulfuro de sodio [QUÍM]

    Sólido amarelo amorfo, soluble na auga (coa que dá solucións básicas), que se funde a 1.150°C. Atopa aplicación como material de partida en síntese, na hidrometalurxia do ouro, como reactivo analítico e fotográfico e na industria do caucho e do coiro.

  18. tiosulfato de sodio [QUÍM]

    Sólido en forma de cristais monoclínicos incoloros, de gusto refrescante, solubles en auga e insolubles en alcohol, que se obtén en forma pentahidratada mediante tratamento con xofre de solucións acuosas de sulfito sódico. Emprégase en fotografía como fixador, e, grazas ás súas propiedades redutoras, na eliminación do cloro en procesos de branqueo. Atopa tamén aplicación como mordente, como reactivo analítico e como axente secuestrante.

  19. trifosfato de sodio [QUÍM]

    Sólido en forma de pos brancos, solubles en auga, que se funden a 320°C. Ten unha grande importancia industrial, pois atopa aplicación, polas súas propiedades secuestrantes, na industria de deterxentes, no abrandamento das augas duras e como aditivo alimentario.

Palabras veciñas

Södertälje | sódico -ca | SODIGA | sodio | sodoku* | Sodoma | Sodoma, Il