Solla Crespo, José
Pintor. Coñecido como Solla, desde 1950 residiu en Mar del Plata (Arxentina). Foi un autor imaxinativo, lírico, coñecedor das tradicións artísticas europeas e da arte autóctona hispanoamericana. A súa evolución tivo dúas etapas, separadas por un período (1976-1978) en que foi bolseiro no Centro Iberoamericano de Cooperación en España para realizar estudos sobre a arte románica e gótica, e unidas baixo o fío condutor de Palmira (El sueño de Palmira, 1983; Palmira y los pájaros, 1988; Palmira con recuerdos, 1989). Entre 1960 e 1976 desenvolveuse a primeira etapa ou Serie Branca, poscubista (Astillero, 1975; Composición con lanchas, 1976), en que renunciou á figuración tradicional para mergullarse na vangardista, dando especial protagonismo ás formas e ás cores. Na segunda etapa ou Serie Románica (1978-2001), manifestou o seu interese pola arte románica que estudara en España. Escureceu a súa paleta e recreou un mundo evocador (La merienda, 1989) e onírico a través dun conxunto de escenas máxicas e surrealistas, ateigadas de seres imaxinarios (Aquelarre, 1985; Inés, 1997; Puerta de la aldea, 2001) e mitolóxicos. Amosou continuas reminiscencias das súas orixes, representadas a través de cruceiros (Cruceiro, 1985), mariñas (Cargadores, 1973), ofrendas, noites de bruxas (Noche de brujas entre las hojas, 1982), lendas (Leyenda del peregrino descalzo, 1985), cantigas de aldea (Cornetada, 1986), a Santa Compaña ou a noite de San Xoán. Recibiu a Medalla de Ouro na II Bienal de Pontevedra (1976).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Marín