Solveira Collazo, Pedro

Solveira Collazo, Pedro

(Vigo 23.11.1932) Pintor e escultor. Realizou traballos en La Metalúrgica, na sección de debuxo e deseño, onde aprendeu as técnicas de litografía sobre chapa, debuxo en pedra e os procesos de estampación e coloración en litografía industrial. En 1949 viaxou a París, onde coñeceu os arquitectos Rafael Lehoz e Le Corbusier, que influíron na súa concepción pitórica. Continuou a súa formación na Escola Massana de Barcelona traballando con esmalte cicelado (Mariscadoras, 1960; Liña dunha gaviota, 1962; Incre no espacio, 1985; Catavento, 1994). O material que empregou principalmente foi o ferro, aínda que tamén realizou obras con técnica mixta sobre madeira (Superposición de planos, 1990) ou cartón (Maqueta dun interior, 1998). Iniciou varias series sobre planos en que tivo moi en conta a triloxía volume-cor-espazo. A súa obra, inicialmente de corte máis realista (Vista desde A Guía, 1958; Apagando un incendio, 1965), orientouse cara á abstracción durante a década de 1970 e desenvolveu principalmente o tema musical (Vibración dunha corda; Forma para o son dun baixo; Oscilación armónica). A partir da década de 1980 virou cara ao construtivismo e as xeometrías espaciais, en que empregou os seus coñecementos con respecto á construción naval, que tamén o levaron a introducir novos materiais como a sílice ou pó de mármore e novas técnicas como o grattage ou o dripping. Desta época destacan Forma xeométrica nun fondo ferruxinoso, Fugas nunha forma vertical ou Forma xeométrica nun fondo mineral. Expuxo tanto en salas e galerías de Galicia coma no estranxeiro e a súa obra atópase en museos e coleccións públicas e privadas de todo o mundo.

Palabras veciñas

Solvay et Compagnie | Solvay, Ernest | Solvay, proceso | Solveira Collazo, Pedro | solvencia | solvente | solvólise