Sozialdemokratische Partei Deutschlans
Organización política alemá creada no Congreso de Gotha (1875), co nome, ata 1890, de Sozialistische Arbeiterpartei, Deutschlands. Nace como resultado da unión da Allgemeiner Deutscher Arbeiterverein fundada por F. Lassalle en 1863, e o Sozialdemokratisches Arbeiterpartei fundado en 1860 no Congreso de Eisenbach por A.Bebel e W.Liebknecht. No Congreso de Erfurt (1891) adoptou un programa marxista revolucionario defendido por Kautsky. A partir de 1896 tomou parte a tendencia revisionista de Eduard Bernstein. Tras a Primeira Guerra Mundial, accedeu ao poder con F. Ebert, e foi o responsable principal da represión sanguenta da revolución espartaquista de 1919. Despois da Segunda Guerra Mundial, dirixido por Kurt Schumacher, quedou reducido á República Federal de Alemaña. A súa evolución cara á dereita acentuouse, ata que, baixo a dirección de Ollenhauer, renunciou ao marxismo (Congreso de Bad Godesberg, 1959). Dirixido por Willy Brandt, en 1966 participou no goberno de gran coalición e en 1969 formou goberno cos liberais. Levou a termo unha política interior de reformas sociais e económicas e unha política exterior de achegamento aos países socialistas europeos, impulsada por W. Brandt, e, máis tarde, de distanciamento moderado, impulsada por Helmut Schmidt. Disolta a coalición gobernamental, en setembro de 1982, pasou á oposición e non puido formar un goberno de coalición, a pesar de ser o partido máis votado nas eleccións de 1983, en 1987, en 1990 e en 1994. Entre 1999 e 2004 Johannes Rau foi o presidente de Alemaña e entre 1998 e 2005 Gerhard Schröder foi chanceler de Alemaña. En 2005 pertenceu ao goberno de coalición presidido pola CDU.