Suíza

Suíza
Nome científico: [nome oficial: Confederación Helvética; fr: Confédération suisse; al: Schweizerische Eidgenossenschaft; ital: Confederazione Svizzera; romanche: Confederaziun Svizra]

Estado de Europa Central, situado entre Alemaña e Francia ao N, Liechtenstein e Austria ao L, Italia ao S e Francia ao O (41.284 km2; 7.300.000 h [estim 2001]). A súa capital é Berna.
Xeografía física

Relevo
Pódense distinguir tres grandes conxuntos naturais: ao L e ao S, a gran masa dos Alpes; no centro, a rexión chaira e vital do Mittelland; e ao O, a rexión do Jura. Os Alpes, estreitamente unidos á historia do estado, ocupan o 60% do país e presentan unha gran complexidade que favorececeu o desenvolvemento das particularidades suízas. O gran conxunto alpino está dividido en dous sectores polo suco central do Ródano-Rin, que constitúe o principal eixe de circulación interalpina. Ao N deste suco sitúanse os Prealpes calcarios e un conxunto de macizos cristalinos (Finsteraarhorn, 4.274 m) que forman os Alpes Berneses, fragmentados en pequenas unidades. Ao S e ao L están os Alpes Peninos, cos cumios máis altos de Suíza (Monte Rosa, 4.634 m e Dom, 4.545 m). O Mittelland esténdese de SO a NL, desde o lago Leman ata o lago Constanza, entre as montañas do Jura e os Alpes. Ocupa aproximadamente unha terceira parte do país e presenta unha grande horizontalidade, aínda que nalgúns sectores é ondulado. É a rexión máis rica do país e concentra á maioría da poboación. O Jura é unha cordilleira periférica de pouca altitude, que atravesa de SL a NO toda a Suíza occidental, sinalando a fronteira con Francia. Está constituída por unha serie de dobramentos calcarios cortados que se elevan desde o val do Saona ata a chaira suíza, e da que os cumes máis altos son o Monte Tendre (1.683 m) e o Chasseral (1.607 m).
Climatoloxía e hidroloxía
O clima de Suíza caracterízase por ser frío, con invernos rigorosos, precipitacións abundantes, principalmente en forma de neve, e un vento característico, o föhn. Aínda así distínguense distintas rexións climáticas segundo a altitude. No Mitteland, os invernos son fríos e os veráns temperados, mentres que nas rexións máis altas, as precipitacións son en forma de neve, que subsiste todo o ano nos picos de maior altitude, algún deles con glaciares. As súas montañas son o principal nó de dispersión de augas de Europa; así, os ríos suízos pertencen a catro concas, das que as máis importantes son a do Rin e a do Ródano. O Rin rega as dúas terceiras partes do territorio, e recibe, entre outros, ao Aare, o río máis importante do Mittelland. Van parar ao Ródano as augas do Valais e unha parte do Jura. As outras dúas concas son a do Danubio, que envía a auga á Suíza oriental a través do Inn, e a do Po, que recibe as augas do Ticino. Os lagos teñen unha grande importancia, sobre todo os da rexión alpina. Destacan o Leman e o Constanza, aínda que son importantes tamén o Lugano e o Maggiore.
Vexetación e problemas ambientais
Máis do 30% da superficie do país está cuberta por bosques. A vexetación do altiplano central e a da montaña media é centroeuropea con carballeiras húmidas e faiais. Nas maiores altitudes, a flora componse de especies alpinas como o piñeiro suízo, a anémona ou o lirio. Os principais problemas do medio que sofre Suíza son o continuo deterioro dos sistemas naturais debido ao turismo e ao elevado nivel de vida do país.
Xeografía económica

Economía
Suíza é un país rico e industrializado, resultado dunha serie de factores entre os que destaca a estabilidade política, que favoreceu a afluencia de capitais estranxeiros, a neutralidade, mantida desde o principio do s XIX, e o desenvolvemento e o perfeccionamento da rede viaria, coa apertura dos grandes túneles alpinos, paso obrigado terrestre entre o N e o S de Europa Occidental. As abundantes estradas e ferrocarrís converten a Suíza nun verdadeiro nó de comunicación centroeuropeo. Os aeroportos de maior tránsito son os de Zúric, Xenebra e Basilea. Pese á súa carencia de recursos naturais e de materias primas, é un país altamente industrializado, orientado cara a produtos de forte valor engadido que precisan dunha man de obra cualificada.
Sector primario e secundario

O sector primario seguiu a regresión propia dos países industrializados. A rexión agrícola máis importante é o Mittelland, e os cultivos máis destacados a remolacha azucreira, as patacas e o trigo. É notable a produción de queixo. Debido ás pequenas dimensións das explotacións agrícolas e ás difíciles condicións do solo, a agricultura suíza resulta cara. A gandaría caracterízase pola selección de razas, e está representada, principalmente, polo gando bovino destinado á produción de leite. É importante a produción de madeira. O estado subvenciona o 40% dos produtos do país para asegurar o aprovisionamento en caso de crise. O sector industrial ten unha tecnoloxía avanzada e os seus produtos un alto valor. Ademais das pequenas empresas, tamén hai grandes empresas multinacionais. As ramas industriais máis importantes son a enxeñaría de precisión (reloxos, ordenadores e electrónica) e a pesada, a construción de maquinaria, o téxtil, o chocolate e os produtos lácteos, e os produtos químicos e farmacéuticos.
Sector servizos
O comercio céntrase na importación de maquinaria, vehículos e roupa a cambio de maquinaria, produtos químicos e farmacéuticos e reloxos. Os principais clientes e provedores son Francia, Italia e, principalmente, Alemaña. A unidade monetaria é o franco suízo. A súa actividade financeira converteuno nun dos principais países bancarios de Europa e un dos máis importantes mercados mundiais de ouro e divisas; isto debeuse á súa estabilidade política e financeira e á garantía do tradicional segredo de transaccións bancarias. O gran centro bancario é Zúric, seguido de Basilea e Xenebra.
Xeografía humana

Durante o s XX a poboación de Suíza case se duplicou. A pesar dunha natalidade e mortalidade baixas (11‰ e 8,7‰ en 2000 respectivamente), o crecemento demográfico é consecuencia principalmente da inmigración. A poboación está desigualmente distribuída, coas principais concentracións na meseta. A poboación urbana representa o 67,7% (2000), pero a maioría vive en pequenas cidades. A cidade máis importante é Zúric, destacado centro financeiro; seguida de Basilea, centro comercial destacado pola produción téxtil; Xenebra, centro cultural, financeiro e industrial destacado pola reloxaría e a xoiaría; e Berna, capital do país.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A presenza de inmigrantes na composicón da poboación de Suíza é moi importante. O 80,6% da poboación é suíza, pero hai minorías de italianos (4,7%), ex-iugoslavos (4,6%), portugueses (1,9%), alemáns (1,4%), españois (1,3%) e turcos (1,1%). A reforma relixiosa do s XVI, promovida desde Zúric (Zwingli), Xenebra (Farel, Calvino) e Berna (Farel), dividiu definitivamente os cantóns en católicos e protestantes. A primeira constitución federal (1848) garantiu a todos os cidadáns a tripla liberdade de fe, consciencia e culto. As crenzas maioritarias son a católica (46,1%) e a protestante (40%). A competencia sobre a oficialidade dunha ou máis confesións recae sobre a lexislación cantonal. A pluralidade lingüística de Suíza (alemán, francés, italiano e romanche) repousa sobre uns substratos étnicos diferentes e moi antigos: celtorromanos, alamánicos, borgoñóns, lombardos e retorromanos. A actual fronteira entre o alemán e o francés é unha liña de N a S que vai desde o O de Basilea ata Valais, pasando polo lago de Bienne (Biel), por Friburgo e polo río Sarine (Saane). Cómpre salientar que tanto o alemán como o italiano escritos son linguas aprendidas na escola, mentres que, na maior parte da vida cotiá, o respectivo grupo étnico emprega o seu dialecto territorial: o alemán suízo (schwyzertüütsch) e o lombardo. O romanche presenta diversas variantes. O alemán é falado por un 64% da poboación autóctona suíza, o francés un 19%, o italiano un 8% e o romanche un 1%. Xa na primeira constitución federal de 1848 se recoñecía o alemán, o francés e o italiano como linguas nacionais, e, en 1938, por medio dun referendo, aceptouse o romanche como cuarta lingua nacional. A escolarización é obrigatoria e gratuíta durante 9 anos, segundo os cantóns, e impártese na lingua da respectiva zona lingüística. O ensino é unha competencia cantonal.
Desenvolvemento humano

O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Suíza entre os países cun desenvolvemento humano alto (11° posto mundial cun índice de 0,936). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 77 anos para os homes e 83 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 99% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 88% e o PNB real por habitante é de 30.010$ EE UU.
Goberno e política

Estado federal, a Confederación Helvética fundouse o 1 de agosto de 1921. Está composta por 20 cantóns e 6 semicantóns. A Constitución de 29.5.1874 foi revisada en 1998 polo parlamento, aprobada por referendo en 1999 e entrou en vigor en 2000. Segundo esta, o poder executivo exérceo o Federal Council/Conseil Federal/Consiglio Federale/Cussegl Federal, formado por 7 membros elixidos para un período de 4 anos por ambas cámaras parlamentarias, que elixen entre os membros do consello un presidente para un período de 1 ano. O presidente non pode ser elixido para dous períodos consecutivos. O poder lexislativo reside na Bundesversammlung/Assemblée Fédérale/Asamblea Federale/Assamblea Federala, composta por dúas cámaras: o Stän-derat/Conseil des Etats/Consiglio degli Stati/Cussegl dals Stadis, formado por 46 membros, dous por cada cantón e 1 por cada semicantón, elixidos para períodos diferentes segundo estes; e o Nationalrat/Conseil National/Consiglio Nazionale/Cussegl Naziunal, composto por 200 membros elixidos, segundo un sistema proporcional, para un período de 4 anos. O poder xudicial, que recibe a influencia das normas consuetudinarias, é de competencia cantonal aínda que existe un tribunal federal de xustiza, cuxos membros son elixidos pola Asemblea Federal. Acepta con reservas a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. O goberno dos cantóns está formado por un consello lexislativo electo e un consello executivo. Ademais da democracia representativa (as dúas cámaras), Suíza dispón tamén da democracia directa, tipificada polo referendo facultativo e a iniciativa popular (tanto a escala federal e cantonal como municipal). Nalgúns lugares celébranse as tradicionais Landsgemeinden (asembleas comunais), en que os cidadáns discuten os asuntos da orde do día e deciden en votación pública. O servizo militar faise en diferentes quendas, desde os 20 ata os 50 anos. As principais forzas políticas son o Schweizerische Volkspartei (SVP), o Sozialdemokratische Partei der Schweiz (SPS), o Freisinnig-Demokratische Partei der Schweiz (FDP) e o Christlich-Demokratische Volkspartei der Schweiz (CVP). Organismos internacionais: Consello de Europa, ERBD, EFTA, OCDE, ONU, do que é observador permanente, e OSCE.
Historia

Das orixes aos inicios da Confederación Helvética
Poboado desde finais do Paleolítico Superior, no territorio suízo desenvolvéronse, durante a Idade de Ferro, as civilizacións celtas de Hallstatt e La Tène. Cara ao ano 100 a C, o pobo celta dos helvecios invadiu amplas zonas entre o Jura e os Alpes, pero máis tarde (58 a C) foi subxugado por César e anexado á Galia. No 15 a C, os romanos conquistaron o pobo rético e crearon a provincia de Retia. No s V os borgoñóns invadiron a parte O de Helvecia e no 445 independizáronse de Roma e estenderon o seu dominio ata o Valais e as beiras do Aar. Os alamáns ocuparon a Suíza norte e central, e impuxeron a súa fala, mentres que Ticino e unha parte de Retia continuaron unidos a Italia. Na época merovinxia e carolinxia a Suíza do N dos Alpes formaba parte do Imperio Franco. Coa caída deste (900?), o O pasou a dominio de Borgoña, e a parte principal ao Imperio Xermánico. Coa integración de Borgoña no Imperio (1032-34), conseguiuse unha certa unión, pero foi debilitándose a causa do predominio de diferentes familias nobiliarias. O intento dos Habsburgo de crear unhas estruturas máis unitarias fracasou e os cantóns de Uri e Schwyz conseguiron en 1231 e 1240, respectivamente, cartas de franquía do Emperador Federico II e, con Unterwalden, xuramentáronse (1291) en alianza eterna (Ewiger Bund) para defender a súa independencia contra os Habsburgo. Así foi como se estableceron os primeiros fundamentos da Confederación Helvética.
Consolidación e expansión da Confederación
Os intentos dos Habsburgo de asfixiar a Confederación incipiente foron inútiles. Os confederados venceron o duque Leopoldo I de Austria na Batalla de Morgarten (1315) e renovaron a alianza eterna, que pouco despois foi ampliada coa entrada de Lucerna (1332), Zúric (1351), Zug e Glaris (1352) e Berna (1353). A Confederación recibiu daquela o nome común de Schwyz. As vitorias militares de Sempach (1386) e de Näfels (1388) sobre os Habsburgo obrigaron a estes a recoñecer (1389) a independencia dos confederados e a renunciar definitivamente aos territorios perdidos. En 1415 foi conquistado Aargau e en 1460 Thurgau, que pasaron a ser terras vasalas da Confederación. Mentres (1436-1450), estalaran grandes rivalidades bélicas entre Zúric e Schwyz. As tentativas de expansión de Carlos I de Borgoña, representaron unha nova ameaza para os confederados, que asinaron a Paz Perpetua (Ewige Richtung) con Austria e derrotaron definitivamente, coa axuda dos seus aliados, a Borgoña nas sucesivas batallas de Grandson (1476), Morat (1476) e Nancy (1477). Isto fortaleceu a autoconciencia dos confederados e converteunos en mercenarios envexados polas potencias europeas (comezou así a longa tradición mercenaria suíza). Friburgo e Solothurn demandaron o ingreso na Confederación e foron aceptados en 1481. A reforma do Imperio prevista por Maximiliano I de Austria non foi aceptada (por excesivamente unitaria) polos confederados e a tensión desembocou na Guerra de Suabia (1499), cuxa vitoria por parte dos confederados representou a súa separación real, mais non xurídica, do Imperio. En 1501 integráronse na Confederación Basilea e Schaffhausen, e en 1513 Appenzell. En plena euforia de expansión, os confederados conquistaron (1512) Lombardia. A gran desfeita da Batalla de Marignano (1515), a mans dos franceses, significou a renuncia definitiva a esta política de expansión e puxo os fundamentos da neutralidade suíza.
Da Reforma á Constitución Federal (1519-1848)
A Reforma relixiosa, preparada polas ideas humanistas (Basilea), foi introducida en Zúric por Zwingli en 1519 e foise espallando polos cantóns da cidade (Berna, Basilea, Schaffhausen), mentres que nos cantóns antigos (Uri, Schwyz, Zug, Lucerna, etc) atopou unha resistencia indeclinable. As dúas guerras de Kappel (1529 e 1531) e a primeira de Villmergen (1556), favorables aos cantóns católicos, significaron o seu predominio político; pero a segunda guerra de Villmergen (1712), con derrota dos católicos, deulle finalmente o predominio a Berna e Zúric. Na Suíza de fala francesa (que naqueles momentos, agás Friburgo, aínda non formaba parte da Confederación), a Reforma propagouse en 1536. Durante a Guerra dos Trinta Anos a Confederación mantívose neutral, e a Paz de Westfalia (1648) recoñeceu a súa independencia xurídica do Sacro Imperio Romano-Xermánico. Nos ss XVI e XVII as constitucións de carácter democrático foron desaparecendo baixo o predominio de aristocracias gremiais (Zúric, Basilea, Schaffhausen) ou de familias señoriais (Berna, Friburgo, Solothurn, Lucerna) e nos cantóns rurais, con asembleas comunais, o poder continuou en mans do pobo. O estalido da Revolución Francesa provocou diferentes alzamentos de signo liberal, pero foron repetidamente sufocados polos gobernos conservadores. Francia invadiu Suíza e converteu a Confederación en República Helvética (1798), impúxolle unha reforma de goberno unitario e reduciu os cantóns a simples distritos administrativos. A Acta de Mediación (1803) de Napoleón I Bonaparte restituíu a organización confederada e engadiulle á Confederación seis novos cantóns: Sankt Gallen, os Grisóns, Aargau, Thurgau, Ticino e Vaud. Logo da desfeita de Napoleón, o Congreso de Viena (1815) completou a Confederación coa integración dos tres últimos cantóns (Xenebra, Valais e Neuchâtel) e rematou cun pacto federal entre os cantóns. Durante o período de 1830-1831 e como consecuencia da Revolución de París, a maioría dos cantóns revisaron as súas constitucións e, aínda que os cantóns católicos se opuxeron ao movemento rexenerador uníndose nunha Alianza Especial (Sonderbund) (1845), foron derrotados militarmente en 1847. En 1848 Suíza redactou a súa primeira constitución federal.
A Suíza moderna
A constitución de 1848 foi fondamente revisada en 1874, dotando de maior poder ao goberno federal en materia militar e introducindo a democracia directa; tamén foi creado un tribunal federal, con sede en Lausanne. Durante a Guerra Franco-prusiana (1870-1871) e nas dúas guerras mundiais, Suíza mantívose estritamente neutral e aínda que durante a Primeira Guerra Mundial entrou a formar parte da ONU (con sede en Xenebra), coa condición explícita de non ter que intervir en accións militares, rematada a Segunda Guerra Mundial abstívose de entrar na ONU e no Mercado Común Europeo. Desde a metade do s XX a estabilidade política interior e a neutralidade cara a fóra, que favoreceron, ademais, a entrada de moito capital estranxeiro, facilitaron un puxante desenvolvemento industrial e financeiro. De 1978, coa creación do cantón do Jura, data a última reforma constitucional e, en 1987 aprobouse en referendo o endurecemento das restricións ao dereito de asilo. Suíza tivo un papel crecente no ámbito da solidariedade internacional e foi sede de numerosas organizacións. Aínda que en 1986 rexeitou en referendo o ingreso na ONU, o resultado foi favorable nunha nova convocatoria celebrada en 2002. Desde 1959, o goberno está formado por unha coalición dos catro partidos políticos principais: o SVP, o SPS, o FDP e o CVP.
A presenza galega en Suíza
A emigración galega en Suíza enmarcouse nos procesos migratorios que afectaron ía sociedade galega, especialmente no rural, na segunda metade do s XX. Neste período os tradicionais destinos a América foron substituídos por destinos a Europa Occidental como consecuencia da crecente demanda de man de obra non cualificada que reclamaban as puxantes economías desta área xeográfica. Entre 1960 e 1970 emigraron a Suíza 53.418 galegos, o 69% homes, co que este país se converteu no segundo polo de atracción en Europa despois de Alemaña e moi por diante de Francia, Holanda ou o Reino Unido. A afluencia continuou de xeito ininterrompido nas décadas seguintes. Entre 1971 e 1980 marcharon cara ao país alpino 115.817 galegos e na década seguinte 81.286 máis; un total de 250.521 emigrantes, o que converteu a Suíza no principal destino do mundo no conxunto das tres décadas para os traballadores de Galicia. Foi esta presenza abondosa a que permitiu que agromaran entidades asociativas ata o punto de que Suíza é o país europeo onde existe un maior numero de centros galegos (21), repartidos preferentemente na Suíza alemá, sendo o máis antigo a Sociedade A Nosa Galiza de Xenebra fundada en 1968. O 29 de novembro de 1980 dez asociacións de emigrantes crearon en Xenebra a Federación de Sociedades Galegas.