Sumatra
Illa situada na parte máis occidental das Illas da Sonda, Indonesia (473.481 km2; 43.309.707 h [2000]). A parte occidental está percorrida por un sistema montañoso cunha forte actividade volcánica (90 picos volcánicos e 12 deles activos). As principais cidades son Medan, Palembang, Padang e Jambi. O arroz, principal cultivo, dáse na chaira N e nos vales baixos. O subsolo é rico en carbón, petróleo, bauxita, manganeso, níquel, diamantes, ouro e prata. A poboación, formada fundamentalmente por malaios, inclúe tamén aos bataks e aos minangkabau. No s VII desenvolveuse o reino budista de Srīvijaya, en que destacou a capital Palembang. No s XIII comezou a recibir a influencia musulmá, da que deu noticia Marco Polo, que visitou a illa en 1291. Cara a 1377 caeu baixo o dominio do Imperio Majapahit, establecido en Xava. No s XVI os portugueses estableceron relacións comerciais co sultanato de Aceh, que chegou ao seu máximo esplendor con Iskandar Muda (1607-1636). No s XVII os portugueses foron expulsados polos holandeses que, en pugna cos ingleses, dominaron gradualmente toda a illa, ata someter o sultanato de Aceh (1905). Integrouse na República de Indonesia en 1945. O 26 de decembro de 2004 un terremoto que se orixinou preto da costa norte da illa provocou un tsunami que afectou a numerosos países do Índico. A costa oeste de Sumatra foi a parte máis afectada da illa, por ser a máis proximidade ao epicentro.