Sevilla
Capital da provincia de Sevilla e capital de Andalucía (684.633 h [2001]). Situada no val baixo do Guadalquivir, é unha cidade de esteiro e porto fluvial. Foi un porto importante xa en época romana e musulmá e procuroulle o máximo esplendor entre 1503 e 1717. Coa canalización do Guadalquivir, reafirmouse a función portuaria e a poboación incrementouse extraordinariamente, sobre todo a partir de 1930 grazas á crecente industrialización e aos múltiples servizos que aproveitan a situación de cruzamento das rutas do SO de España. As comunicacións potenciáronse a partir de 1990, coa chegada do AVE e o arranxo e construción de novas autovías. O turismo de primavera, con motivo da Semana Santa e da Feria de Abril, complementa a economía. É o centro administrativo, cultural e económico de Andalucía occidental e de Extremadura meridional. Foi sede da Exposición Universal de 1992. A antiga Hispalis recibiu a influencia de fenicios, gregos e cartaxineses. Conquistada polos romanos (205 a C), declarouse a favor de Pompeio e foi ocupada por Xulio César. Denominada Iulia Romulea, foi capital da Bética e sé episcopal. En 712 foi ocupada polos musulmáns co nome de Išbīliya. Foi capital do reino taifa de Sevilla. Fernando III conquistouna (1248) e converteuna na capital do seu reino e recibiu un grande impulso económico e cultural. Estableceuse a primeira imprenta do Reino de Castela (1477) e foi sede da Casa de Contratación das Indias (1503). Converteuse nun centro comercial e desenvolveuse tamén a industria. A presión fiscal crecente, a epidemia de 1649 e o traslado da Casa de Contratación a Cádiz (1717) determinaron unha etapa de decadencia (ss XVII-XVIII). En 1808 alzouse contra os franceses e foi sede da Junta Central que dirixía a guerra. No s XIX foi un foco liberal e republicano. Coa vía férrea Sevilla-Madrid (1861) iniciou a súa recuperación económica. En 1931 socialistas e comunistas proclamaron a República, e producíronse tumultos anticlericais e revolucionarios. Foi escenario do pronunciamento do xeneral Sanjurjo (1932). Ao iniciarse a Guerra Civil foi ocupada por Queipo de Llano. A partir dos anos sesenta houbo unha forte industrialización, acompañada dun alto crecemento demográfico. Do seu patrimonio cultural destacan, de época musulmá, as murallas, a Torre del Oro, o Alcázar, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1987), o palacio mudéxar construído por Pedro I sobre o antigo palacio árabe, e a Giralda, minarete da antiga mesquita, da que se conservan o Patio de los Naranjos e a Puerta del Perdón. A catedral (s XV), gótica, de cinco naves, foi construída no lugar onde se levantaba a mesquita e foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1987). Destacan tamén o Palacio de las Dueñas e a Casa de Pilatos, do s XV; o Archivo General de Indias, de Juan de Herrera, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1987); o Hospital de la Sangre (s XVI), e o Hospital de la Caridad (s XVII).