societarismo

societarismo
s m [HIST/POLÍT]

Asociación de sociedades obreiras. Esta tendencia ao asociacionismo tivo relevancia en Galicia no societarismo mariñeiro, a finais do s XIX e comezos do s XX nos portos de Vigo, Coruña e Marín, debido a que se endureceron as condicións de traballo dos mariñeiros e se impuxeron novas relacións laborais. Produciuse a primeira folga espontánea nos vapores palangreiros do Berbés en 1897. Dous anos despois naceron as asociacións obreiras primixenias na pesca, vinculadas ao socialismo vigués: a Sociedad de Marineros-Pescadores do Berbés e a Sociedad de Obreros Pescadores de Bouzas, que atoparon resposta patronal na constitución da Sociedad de Armadores La Marítima, de Bouzas. O modelo repetiuse no albor do s XX na Coruña e Marín, o que provocou unha intensa loita de clases no mar ata a Guerra Civil ao redor do descanso semanal, aumento das tripulacións nos vapores, suba dos xornais ou das partillas, retribución das tarefas de terra e control das contratacións. Desde finais do s XIX aumentou o número de sociedades mariñeiras que integraban tanto a patróns como a tripulantes e tiñan unha finalidade mutualista e de melloramento da clase pescadora.